Obradoiro sobre libros de artista en Riveira impartido pola creadora local Lucía Romaní
A riveirense Lucía Romaní vai impartir este mes un novidoso obradoiro dedicado á elaboración do libro de artista: unha iniciativa promovida polo Concello que busca divulgar na nosa contorna este “xénero en si mesmo” que xurdiu a principios do século XXI coas vangardas da man de creadores como Apollinaire ou Marcel Duchamp.
Lucía Romaní estivo acompañada na presentación da actividade da concelleira de Educación, Maricarmen Vizcaya, e da responsable do servizo municipal de Normalización Lingüística, Alicia Padín.
O obradoiro, de carácter gratuíto, desenvolverase en dúas sesións: os sábados 18 e 25 de abril, en horarios de 10 a 14 horas. Poderá asistir calquera persoa interesada a partir dos 16 anos de idade. O número máximo de participantes previsto inicialmente é de 15, se ben a organización será flexible á hora de acoller a algún membro máis.
En canto aos lugares de celebración, haberá dous: a clase do día 18 celebrarase no salón de actos do Centro Cultural Lustres Rivas, en tanto que a do día 25 será no edificio do novo mercado, coincidindo coa celebración da II Feira da Educación de Riveira.
O taller dividirase en dúas sesións teórico-prácticas. Ao principio de cada sesión realizarase unha breve exposición teórica dos contidos fundamentais relacionados co concepto de libro de artista (descrición do xénero, vertentes e referentes, artistas e movementos máis destacados, etc.,) e unha segunda parte práctica na que cada participante construirá o seu propio libro de artista/libro obxecto partindo dun obxecto formato libro (axenda, calendario, libro, caderno, libro de postais, etc.,) que será utilizado como elemento base para a formalización da peza.
Exposición na Biblioteca
Unha vez concluído, a intención é expoñer na Biblioteca Pública Municipal os libros de artista resultado deste obradoiro.
Os interesados poden dirixirse ao Servizo de Normalización Lingüística situado no Centro Cultural Lustres Rivas (981 835 650 / normalizacion@riveira.com).











