O Porriño dá a benvida á primavera coa “Festa dos Maios”

Primeiros “maios” no Porriño
A praza Arquitecto Antonio Palacios acollerá este sábado, 2 de maio, a tradicional “Festa dos Maios”. Hoxe mesmo comezará a engalanarse cos maios elaborados polas diferentes agrupacións locais, alagándose de vistosas figuras que permanecerán expostas para goce de todos os veciños e visitantes ata o vindeiro luns.
Asociacións culturais e veciñais de todas as parroquias do Porriño exporán os seus maios elaborados, fundamentalmente, con flores, fentos, froitas e ovos. Xa o sábado, a partir das 18:00 horas, celebrarase o tradicional certame de coplas, onde os integrantes das diferentes agrupacións cantarán ao redor destas figuras. Nesta ocasión, desenvolveranse tamén diferentes obradoiros de elaboración de maios e coplas. Esta festa popular de orixes ancestrais, conta cun gran arraigamento na nosa localidade, que cada ano, dá a benvida á primavera como marca a tradición.











