O Porriño asina un convenio de formación coa Academia Galega de Seguridade

Sinatura do convenio
O alcalde do Porriño, Nelson Santos, e o Director Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta de Galicia, Luís Menor, formalizaron esta mañá coa súa firma, o convenio de colaboración en formación do Concello do Porriño coa Academia Galega de Seguridade, que permitirá desenvolver no noso municipio diferentes accións formativas dirixidas ao corpo de Policía Local do Porriño.
Deste xeito, os axentes poderán recibir a formación necesaria sen ter que desprazarse ás instalacións da Academia Galega de Seguridade na Estrada, á vez que axusta a formación ás necesidades reais do corpo de Policía Local do Porriño, impartíndose así as accións formativas específicas que desde a xefatura local se soliciten.
“Coa firma deste tipo de convenios buscamos descentralizar os cursos que se imparten, facilitando aos diferentes corpos o acceso a estas accións formativas”, explicou Menor, “No caso concreto da Policía Local do Porriño damos continuidade á colaboración que sempre existiu entre a Academia e o Concello do Porriño, colaboración que seguiremos mantendo nos mesmos parámetros ao constatar os inmellorables resultados que se están obtendo”.
Luís Menor quixo trasladar tamén o seu parabén ao rexedor, Nelson Santos, ao concelleiro de Seguridade cidadá, José Manuel Jacobo e ao Xefe Accidental da Policía Local do Porriño, Daniel Rodríguez, que lle acompañaron durante o acto de formalización do convenio, “A día de hoxe, O Porriño pode presumir de ter unha Policía Local punteira en canto aos obxectivos marcados e á inquietude por formar e cualificar aos seus axentes, conseguindo que, hoxe en día, O Porriño sexa un municipio seguro”.
Non en balde, os parámetros que arroxan as Xuntas de Seguridade son moi baixos, sendo o noso un dos municipios galegos con menor cociente de conflitividade. Neste sentido, o alcalde Nelson Santos, quixo pór en valor a eficiencia do corpo de Policía Local, “Sempre pensei, e así o dixen en varias ocasións, que a grandeza dun pobo tamén se mide polo nivel de seguridade que ofrece aos seus cidadáns. Non podo máis que sentirme orgulloso do labor que desempeña nosa Policía Local. Un equipo que deu sobradas mostras de profesionalidade, capacidade e cualificación, e ao que quero trasladar o meu máis sincero parabén”.
Durante a súa visita ao noso municipio, o Director Xeral de Emerxencias e Interior visitou tamén as dependencias de Protección Civil do Porriño. Durante a visita, o Director Xeral e o alcalde, Nelson Santos, coincidiron en mostrar o seu agradecemento “ao equipo de voluntarios que de maneira desinteresada velan polo benestar e a seguridade dos cidadáns do Porriño”.











