O plan de transporte metropolitano arrinca no Porriño con importantes bonificacións para os usuarios
O Concello do Porriño informa da posta en marcha do Plan de Transporte Metropolitano da área de Vigo, que hoxe comeza a funcionar con descontos medios do 50% no custo dos desprazamentos. O Porriño, xunto con outros once concellos da área metropolitana, suscribiu o “Convenio de colaboración para o desenvolvemento conxunto do Transporte Metropolitano de Galicia na área de Transporte Metropolitano de Vigo” para a posta en marcha dun servizo que, en palabras do alcalde Nelson Santos, “facilite aos cidadáns un sistema de transporte público e coordinado, que supoña unha alternativa ao uso do vehículo propio á hora de desprazarse a Vigo”.
O servizo baséase nun sistema zonal no que os prezos das viaxes varían en función do número de saltos definidos entre o lugar de orixe e o destino da viaxe. Deste xeito, un traballador que se desprace cada día desde O Porriño a Vigo pasa de pagar 1,64 por viaxe a 0,84 euros co cartón metropolitano.
Para acceder aos descontos é necesario adquirir o cartón Cartón Metropolitano de Galicia, que xa está á venda nas oficinas de Abanca seleccionadas a tal fin, sendo no Porriño a situada na rúa Ramón Gonzalez, 19. A TMG pódese adquirir polo prezo de 2 euros, cunha recarga mínima de 5 euros. Este cartón non é nominativa, polo que o titular do cartón pode abonar o transporte tanto a si mesmo como ás persoas que viaxen con el, (familia, amigos,…), dispondo das bonificacións que o cartón achega.
Mediante a utilización da TMG, o usuario beneficiarase tanto das tarifas bonificadas do Plan de Transporte Metropolitano, como do transbordo gratuíto entre servizos metropolitanos, así como das bonificacións adicionais por recurrencia (máis de 40 viaxes ao mes) e, no seu caso, familia numerosa. Ademais, todas as TMG son válidas nas 5 Áreas de Transporte Metropolitano que, tras a incorporación de Vigo, están a funcionar, polo que, cando o usuario desprácese a Coruña, Ferrol, Lugo ou Santiago, tamén se beneficiará deses mesmos descontos.
“Con este novo plan de transporte, baseado na colaboración entre administracións e nunha maior coordinación dos servizos, preténdese dar unha nova concepción do transporte público que repercuta nun servizo de calidade para o usuario e nunha mellora notable da accesibilidade”, explicou o rexedor, Nelson Santos.











