O Concello de Riveira pavimentará un camiño de 160 metros no alto da Graña en Carreira
O Concello de Riveira vén de dar luz verde a unha nova actuación consistente na pavimentación con aglomerado asfáltico dun camiño situado no alto da Graña, na parroquia de Carreira, dando resposta a unha demanda dos veciños da zona.
A empresa Tarrrío Suárez será a encargada de executar esta obra, cuxo importe ascende a un total de 8.466 euros, IVE incluído.
Situado fronte á antiga escola unitaria e actualmente en terra, o camiño de 160 metros de longo será pavimentado cunha mestura bituminosa sobre unha superficie de 570 metros cadrados, previo perfileo e rasanteo da zona.
Ademais as marxes do camiño serán limpadas e levantadas as tapas de rexistro ata a nova cota.











