O Comité Organizador de Fecap 2015 avanza na organización do evento que se celebrará do 11 ao 14 de xuño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSilleda
A-
A+
Reunión do Comité Organizador

Reunión do Comité Organizador

A II Feira de Caza, Pesca e Natureza, Fecap 2015, a cal terá lugar do 11 ao 14 de xuño na Feira Internacional de Galicia de forma paralela á 38º Semana Verde de Galicia, avanzou onte na súa organización coa celebración dunha reunión do seu Comité Organizador.

Ao encontro, que tivo lugar nas instalacións da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, en Santiago de Compostela, acudiron a responsable desta Dirección Xeral, Verónica Tellado, quen preside o Comité, e a directora de promoción da Axencia Turismo de Galicia, Carmen Pita. Unha presenza que responde ao apoio da Xunta de Galicia a Fecap 2015, ao cal se une o de importantes agrupacións e empresas vinculadas cos seus sectores, 13 das cales estiveron presentes na reunión a través de distintos representantes.

Así, asistiron cargos da Federación Galega de Caza e tamén da de Pesca, da Federación Provincial de Caza de Pontevedra, Sociedade de Caza e Pesca de Silleda, Club de Pesca Río Deza, Federación Galega de Tiro con Arco, Asociación Galega de Cetrería, Unión de Tecores de Galicia (Unitega), Asociación de Propietarios Rurales para la Gestión Cinegética y Conservación del Medio Ambiente (APROCA) e Sociedade Canina Galega. Ademais, do ámbito empresarial participaron representantes de Armería Armisport, Remanso de Arca e Cinegética Monteagudo.

Tamén estivo presente un equipo de traballo da Feira Internacional de Galicia co seu director, Ricardo Durán, ao frente.

Cambio de ubicación de Fecap

Na reunión abordáronse diversos aspectos da organización desta segunda edición de Fecap, como a comercialización e o deseño do seu programa de actividades, para o cal se expuxeron numerosas propostas por parte dos asistentes que se comezarán xa a desenvolver. Así mesmo, analizouse e aprobouse o cambio de ubicación deste certame ao pavillón 3 do recinto para destacar o seu carácter monográfico e potencialo.

14 de abril de 2015 | 13:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.