O Centro Cultural acolle unha charla sobre reciclaxe e xestión sustentable de residuos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Porriño
A-
A+

O Centro Cultural Municipal acollerá este mércores, a partir das 19:00 horas, unha charla aberta ao público sobre reciclaxe e xestión sustentable de residuos enmarcada na campaña “Separemos ben. Reciclaremos mellor” que promove a Consellería de Medio Ambiente e SOGAMA.

Como en pasadas edicións, o Concello do Porriño, a través da Concellaría de Medio Ambiente, que dirixe María José Martínez, súmase a esta iniciativa co fin de informar, formar e sensibilizar aos veciños sobre a súa necesaria colaboración na xestión sustentable dos refugallos adoptando para iso prácticas vinculadas á redución, a reutilización e a reciclaxe.

Esta campaña pretende contribuír a incrementar os niveis de reciclaxe en Galicia, posibilitando así a recuperación dunha parte dos residuos. A incorporación de Ecovidrio é unha das principais novidades a destacar, compartindo protagonismo con Ecoembes e os sistemas integrados de xestión de pilas.

Esta charla informativa conclúe o programa de actividades divulgativas e de sensibilización que incluíu a visita da aula móbil a Porriño, onde educadores ambientais resolveron as dúbidas e ofreceron información sobre a reutilización de residuos, e as charlas formativas nos centros escolares.

Como en pasadas edicións, contémplanse visitas ao complexo ambiental de Sogama en Cerceda, onde os veciños interesados en participar poderán coñecer por si mesmos o labor desta infraestrutura industrial, así como o circuíto de xestión que seguen os residuos depositados polos cidadáns tanto no colector amarelo como no verde convencional.

7 de abril de 2015 | 10:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.