Libros e produtos artesanais alagarán o centro do Porriño
Tras o éxito das pasadas edicións, o Concello do Porriño a través da Concellaría de Cultura que dirixe Teresa Veloso, organiza por quinto ano consecutivo a Feira do Libro e a Artesanía do Porriño. Desde este xoves e ata o sábado, en horario ininterrompido de 10:00 a 20:00 horas, poderanse visitar máis dunha vintena de casetas na zona peonil do Porriño nos que artesáns e libreiros exporán artigos para a súa venda. Obxectos artesanais como abelorios, artigos de coiro ou olaría, rosquillas e Cup-Cakes, discos de música, películas e, por suposto, libros de toda índole son algúns dos produtos nos próximos días alagarán o centro do Porriño.
Estes últimos serán os grandes protagonistas, con motivo ademais da próxima celebración do Día Internacional do Libro. A ampla oferta literaria que exporán, entre outros, os propios libreiros porriñeses nas diversas casetas, estará dirixida a todos os públicos –infantil, xuvenil e adulto- abarcando diferentes xéneros, desde a novela e a poesía ao teatro.
Desde o Concello convídase a todos os veciños, asociacións e centros educativos a que se acheguen ao longo destes días a gozar deste escaparate literario e a presenciar a elaboración en directo de diferentes produtos artesanais. O alcalde do Porriño, Nelson Santos, e a concelleira de Cultura coinciden en sinalar que “con este evento preténdese, ademais de dinamizar o comercio local, intensificar e consolidar a vida cultural e de lecer de todos os porriñeses e visitantes”.
Actividades infantís para descubrir aos máis pequenos a maxia da lectura
Esta edición chega cargada de actividades infantís que pretenden contribuír ao fomento da lectura entre os máis pequenos. Diferentes contacontos e talleres achegarán aos nenos ao mundo das letras, a lectura e a escritura dunha forma amena e creativa. Así, o xoves ás 12:00 horas a compañía “Polo correo do vento” ofrecerá o Contacontos Ilustrado “O Pirata Benito Soto”, no que participarán os alumnos do CEIP Antonio Palacios. O venres, ás 11:00 e ás 16:00 horas, será a quenda do CEIP Fernández López e o Colexio Irmáns Quiroga, que baixo a batuta da Compañía Arelar descubrirán a maxia da lectura co obradoiro Verbas Creativas, unha divertida proposta que forma parte do catálogo “Ler conta moito” da Consellería de Cultura e Educación. Como broche final, o sábado pola tarde, de 17:00 a 20:00 horas, a compañía Diverti-mos impartirá un taller infantil creativo de marcapáxinas.











