José Fernández asegura que “as lesións ensínante a ser máis equilibrado e ecuánime”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesRiveira
A-
A+

José Fernández (-74 quilogramos, Natural Sport Riveira) será outro dos deportistas galegos que participarán no Open de España G-1. Despois de pasar anos complicados por graves lesións, esta tempada está acadando moi bos resultados e gozando de cada momento. Non quere falar do futuro, prefire “gozar do que vivo e podo vivir, que é o presente”. O que non oculta é que lle fai moita ilusión competir en Galicia e que espera que este torneo sirva para motivar aínda máis aos pequenos a “seguir practicando este deporte”.

– Por primeira vez celebrarase o Open de España en Galicia. Que significa para ti?

– É unha oportunidade para que todos os afeccionados do taekwondo en Galicia poidan gozar dun grande espectáculo. Espero que motive a grandes e pequenos a seguir practicando. Recordo o Campionato do Mundo que se celebrou en Madrid: Para min foi unha motivación para seguir practicando e adestrando. Persoalmente significa poder gozar dun Open G-1 cos meus seres queridos, sinceramente.

– Galicia é unha potencia deportiva en España e agora toca organizar o maior evento deportivo de taekwondo que se celebra en España. Que esperas deste campionato a nivel organizativo?

– Galicia sempre organizou moi ben, polo menos dende que eu teño uso de razón para valoralo. Xa se celebrou un Campionato de Europa sub-21, no que creo que todo o mundo estivo moi cómodo. E hai so uns meses disputouse o Campionato de España de Clubs, tamén en Pontevedra, cun montón de participación e moi bo desenvolvemento. Digamos que as boas expectativas de organización están ben avaladas.

– Que esperas deste Open a nivel deportivo para ti?

– Hai un alto nivel!! Eu espero poder render o máximo posible dentro das miñas capacidades, como sempre. Poder gozar da concentración que esixe un evento destas características.

– A quén destacarías como principais rivais?

– Como te digo, hai un alto nivel, con grandes competidores. Vin as listas e sinceramente todos os que recoñezo son competidores realmente estupendos. Así que se pode dicir que o meu principal rival son eu mesmo, no sentido de que non podo controlar o nivel dos meus opoñentes, pero podo influír e guiar a miña conduta, o que eu fago. E con esa idea intentar superar as situacións que xurdan.

– Competir en casa é unha vantaxe ou pode ser negativo?

– A verdade é que non me formulei a idea de pelexar na casa, simplemente preparo unha competición máis. Pero dende logo que é unha vantaxe, porque os meus seres máis queridos poden gozar diso e sentir un pouco o mesmo que sentimos cando estamos a
pelexar a miles de quilómetros de distancia. Ademais o familiar, faite sentir cómodo, sen dúbida.

– Despois do calvario de lesións que viviches, todo sabe mellor?

– Uff, non sei moi ben como contestar a esta pregunta. Diría que cambiou a forma en que vexo as cousas. Aprendes a ser máis equilibrado, máis ecuánime. Digamos que o bo sabe máis ou menos igual e o malo non amarga tanto. Tamén gocei moito axudando aos meus compañeiros, en especial ao meu irmán Juan e ao meu colega José Real, diría que mesmo máis que das miñas propias actuacións. E a verdade tiven moita sorte de ter nos peores momentos a axuda insubstituíble de Cristian Fernández e Marcos Gomez da clínica CEO osteopatía.

– Que balance fas da tempada ata agora?

– Creo que en xeral dei un bo rendemento. Conseguín dar bo nivel en varias ocasións. Creo que o meu irmán e eu estamos a facer un bo traballo. Agora tocoulle a el pasar polo inferno das lesións. Cambiaríalle o lugar sen dubidalo. Sufro tamén por el.

9 de abril de 2015 | 18:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.