publicidade hoxe

Feijóo ratifica que o alcalde de Cualedro será candidato popular

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCualedroLocal Portada
A-
A+

O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, ratificou implicitamente este xoves, ao afirmar que “non” ten “notificación” pola contra, que o alcalde de Cualedro (Ourense), Luciano Rivero, repetirá como candidato popular nas municipais, a pesar de que renunciou como deputado provincial despois de transcender que unha gasolineira da que é copropietario facturou á institución de forma irregular 186.770 euros. Iso si, descargou a decisión no PP de Ourense.

Manifestouno ante a insistencia dos xornalistas na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, onde afirmou “non saber se se presenta ou non” porque “as listas aínda non están rexistradas”. No entanto, a continuación, dando a entender que a decisión depende da formación provincial que lidera Manuel Baltar xa está tomada, engadiu que non teñen “ningunha notificación dun cambio de rumbo” na candidatura.

O xefe de filas do PPdeG asegurou que lle parece “moi ben” a decisión de Rivero de deixar a Deputación ourensá. “Paréceme o correcto, creo que é unha decisión intelixente”, reflexionou e esgrimiu que a institución aprobou un código ético que motiva esta decisión, que era “correcta e necesaria”.

Sobre a “decisión de presentarse” do rexedor, limitouse a afirmar que o 24 de maio, cando se pechen as urnas, contará “co xuízo inapelable dos veciños”.

“MALENTENDIDO” DE PUY

Feijóo realizou estas declaracións pouco despois de que o portavoz parlamentario popular, Pedro Puy, dese a entender nunha entrevista coa Radio Galega que Rivero non ía ser o candidato do PP neste municipio. Con todo, posteriormente, o portavoz popular emitiu un comunicado de “aclaración” no que se desculpa e ratifica que si será candidato popular nas locais.

En concreto, Puy lamenta “o malentendido” que provocou a súa afirmación na entrevista e pediu desculpas tanto ao propio Luciano Rivero como ao presidente da Deputación e líder do PP ourensán, Manuel Baltar.

Ao tempo, destacou a decisión adoptada por Rivero “por coherencia política” e para cumprir “o estrito código ético” existente na Deputación provincial, xa que o propio secretario xeral do organismo -salienta- “informou de que non existe responsabilidade legal algunha e que a facturación que motiva a dimisión debeuse a un erro administrativo” entre a Deputación e a gasolineira na que participa o rexedor.

9 de abril de 2015 | 17:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.