Cultura no Camiño achega a Silleda o novo espectáculo de Carlos Blanco con Luis Dávila e o circo de Barafunda
A Concellería de Cultura de Silleda vén de pechar a programación a través da iniciativa Cultura no Camiño. Trátase de dúas actuacións que chegarán a Silleda na fin de semana do 16 e 17 de maio próximos. A primeira cita será co espectáculo “Menú do día”, da man do coñecido actor e monologuista Carlos Blanco e o debuxante Luis Dávila. Voz e ilustracións mistúranse nesta exitosa proposta que está a percorrer as principais cidades galegas. Terá lugar o sábado 16 ás 21.00 horas no auditorio da Semana Verde.
E xa o domingo 17 de maio, tamén a través do programa Cultura no Camiño recala en Silleda o espectáculo “Preséntame un paiaso”, a proposta de novo circo da compañía Barafunda, de animación teatral. A cita, para o público infantil a partir de 4 anos, terá lugar na Casa da Xuventude ás 18.00 horas.











