Besteiro considera insustentable a situación do alcalde de Cualedro
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, cualificou como “insustentable” a situación do alcalde popular da localidade ourensá de Cualedro, Luciano Rivero, que deixou a súa acta de deputado provincial. O rexedor do PP renunciou á súa acta na Deputación de Ourense tras transcender que tiña unha participación do 16,66 por cento na sociedade Abrea-Cuquejo, propietaria da gasolineira que facturou 186.770 euros á institución provincial entre os anos 2009 e 2015.
“A súa situación era insustentable, do mesmo xeito que o é a situación doutros moitos cargos do Partido Popular”, sentenciou Gómez Besteiro antes de reprochar á formación presidida por Alberto Núñez Feijóo a súa “falta de criterio”.
“Evidentemente o PP ten un presidente en Galicia que o señor Feijóo que non sabemos cal é o seu criterio”, afirmou Besteiro. Fronte a este situou ao código ético do PSOE. “É a fórmula máis sinxela para que todo o mundo teña claro cal é a liña de non retorno”, abundou.
“CRITERIO CLARO”
Segundo o secretario xeral do PSdeG, “a cidadanía quere un criterio claro sobre estas cousas”, algo que segundo el “diferenza ao Partido Socialista doutros partidos”.
No caso do Partido Popular, Gómez Besteiro sinalou que “ninguén sabe cal é o criterio de actuación do PP porque non existe”, xa que “depende de como se levante o presidente do PP en Galicia” e iso, ao seu xuízo “é o que rexeita a cidadanía”.
José Ramón Gómez Besteiro realizou estas declaracións en Pontevedra, onde participou nun acto político xunto ao candidato do PSOE local á Alcaldía pontevedresa, Agustín Fernández.