Apertura do prazo de inscrición para o IV Memorial Rodrigo Maseda Lozano de fútbol sala base
O IV Torneo Imdecum de Fútbol Sala Base 2015 ‘Memorial Rodrigo Maseda Lozano’ (3, 4 e 5 de xullo) abre o prazo de inscrición para volver á palestra deportiva do verán e reunir o mellor fútbol sala de base na Mariña, en memoria do policía natural de Burela falecido en 2012 na praia coruñesa do Orzán durante un rescate.
Ao longo de tres intensísimas xornadas coma en edicións anteriores, a bisbarra acollerá a ilusión futbolística das categorías benxamín, alevín, infantil, cadete e xuvenil, ás que se suman este ano como novidade os máis pequenos, os prebenxamíns. O pavillón municipal de Xove, A Veiga (San Cibrao), Marzán (Foz) e Monte Castelo e Vista Alegre (Burela) serán testemuñas da emocionante competición, coa incorporación en 2015 do municipal de Viveiro.
Durante o torneo e coincidindo co grande ambiente da Festa Castrexa en Burela, a organización tamén lles ofrecerá aos rapaces/as unha programación lúdico-deportiva complementaria, con inchables, e visitas guiadas ao barco-museo Reina del Carmen de Burela e o Museo do Mar de San Cibrao, ademais de ter a posibilidade de usar as instalacións de Activity Center e do complexo deportivo da Marosa, na vila burelense.
Os clubs interesados poderán formalizar a súa inscrición ata o venres 5 de xuño (Dosier informativo adxunto).
En 2014, o evento reuniu arredor de 400 deportistas, coa participación de equipos de Asturias, Valladolid, Madrid, A Coruña, Ourense e, por suposto de Lugo e A Mariña. UD Las Rozas Boadilla foi o gran triunfador, alzándose cos trofeos de campión nas categorías alevín, infantil e cadete. As estatuíñas de benxamín e xuvenil quedaron na bisbarra, para ACD Xove e Burela FS Pescados Rubén A, respectivamente.