Apertura de sobres para o contrato de limpeza pública urbana e recollida de residuos sólidos en Riveira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRiveira
A-
A+

Na mañá de hoxe tivo lugar o acto público de cualificación da documentación aportada polos licitadores nos seus sobres B (documentación ponderable a través de xuízos de valor) e a apertura dos sobres C (de proposición económica e documentación cuantificable de forma automática) por parte da mesa de contratación en relación ao contrato de xestión do servizo público de limpeza pública urbana, recollida e transporte de residuos sólidos urbanos e xestión do punto limpo, mediante a modalidade de concesión, do Concello de Riveira.

De resultas deste acto de apertura, concluíuse que a empresa que obtivo unha mellor puntuación entre as seis presentadas resultou ser Recolte, Servicios y Medio Ambiente.

A proposta económica desta entidade ascendeu a 1.697.453,44 euros anuais, IVE incluído, por un período de 12 anos.

Agora será o órgano plenario da Corporación o competente en proseguir coa tramitación do concurso antes da súa adxudicación definitiva e posterior firma do contrato. Cómpre lembrar que o vindeiro pleno –e último desta lexislatura- terá lugar previsiblemente o vindeiro luns 13 de abril.

Con este novo contrato o Concello de Riveira persegue unha xestión de residuos máis eficaz, a través de determinados aspectos como a introdución da carga lateral (con maior nivel de limpeza e menor risco de desborde), primando que o concesionario logre reducir as toneladas de bolsa negra, incluíndo a xestión de algas na recollida en praias (eliminando así este sobrecuste para as arcas municipais) e avogando por un maior compromiso social a través da valoración de que se incorporen empresas de economía social na xestión de papel cartón.

Ademais, polo que respecta á limpeza viaria se ampliará o servizo a praias e paseos marítimos e se inclúe o desbroce de beirarrúas, limpeza de zonas verdes e recreativas e miradoiros, pintadas e mobiliario urbano e unha limpeza específica previa ao comezo da tempada de verán.

Xeolocalización

O novo modelo aposta ademais pola tecnificación, de xeito que, co fin de garantir a eficiencia no servizo, se controle en tempo real as rutas e ubicacións dos elementos móbiles a través de sistemas de xeolocalización.

6 de abril de 2015 | 17:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.