A mostra infantil de baile tradicional de Xirandola celebra o 9 de maio a súa décimo novena edición
O vindeiro sábado día 9 de maio celebrarase na Bandeira a XIX Mostra Infantil de Baile Tradicional de Xirandola. A cita será ás 19.00 horas, no auditorio Manuel Dopazo da localidade. Ademais da formación anfitriona, que participará na mostra cos 5 grupos da súa escola de baile, a cita contará con outras dúas agrupacións convidadas: a Asociación de Danzas de Villalbilla (Burgos) e a Escola Provincial de Danza da Deputación de Ourense.
Esta cita, que comezou hai case dúas décadas como pioneira na promoción do baile infantil, contará coa participación de nenos/as e mozos/as dende os 3 ata os 17 anos.
O obxectivo, ademais de dar saída ás escolas de baile tradicional, é realizar un intercambio entre as agrupacións participantes para que os máis novos se relacionen con outros que comparten as mesmas aficcións e coñezan outras modalidades de baile tradicional.
De feito, os grupos infantís de Xirandola xa estiveron o pasado ano nun certamen de Burgos, que agora lles devolve a visita, e o vindeiro ano teñen previsto participar na cita organizada pola escola de Ourense.
Dende o Concello de Silleda, o alcalde Manuel Cuiña, destaca o traballo realizado dende os seus inicios pola Asociación Cultural Xirandola, na promoción do baile e da música tradicional, “facendo xunto con outros grupos que hoxe o noso municipio destaque polo gran nivel e a excelente canteira destes colectivos, grandes embaixadores da nosa cultura”, engade.











