A Festa dos Callos e a Foliada da Pereirña regresan a Ansemil-Martixe o sábado 18

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioSilleda
A-
A+
Presentación da Festa dos Callos

Presentación da Festa dos Callos

A parroquia de Ansemil-Martixe volve vestirse de festa o vindeiro sábado día 18 de abril, coa terceira edición da Festa dos Callos e da Foliada da Pereiriña. A cita, organizada pola Asociación Veciñal e Cultural de Ansemil-Martixe e a Asociación Cultural da Pereiriña, en colaboración co Concello de Silleda e establecementos hostaleiros, comezará a partir da unha.

Durante a presentación, que tivo lugar hoxe, os organizadores explicaron que a xornada se abrirá coas actuacións da foliada, que nesta terceira edición reúne a 10 agrupacións. Así estarán presentes Regato de Matamulleres; O Ghusto do Boi (de Lestedo); Grupo de Gaitas Aires de Trasdeza; Pau de Buxo; Grupo de Gaitas de Xirandola; As Ruadeiras de Loimil; Xuntanza dos Regatos; Pandereteiras Lilaila de Orazo; Pandereteiras de Siador e os Gaiteiros da Pereiriña. Os grupos tamén amenizarán a sobremesa e pola tarde a cita rematará (a partir das 20.00 horas) coa actuación de Suso de Melide.

O menú estará composto de empanada, callos, pan, viño, postre e café, cun prezo de 10 euros por persoa. Os nenos de 6 a 12 anos deberán pagar 5 euros e os menores de 5 poden asistir de balde.

Para o xantar hai que presentar a invitación, que pode retirarse en distintos establecementos. Así, están disponibles na Taberna de Isabel de Ubaldo (Martixe); A Nosa Taberna (Breixa); Bar Sanse (OCastro); na Bandeira (Bar Arume e Taberna do Músico) e en Silleda, na Casa da Cultura e no Bodegón de Esther. Para máis información e reservas os interesados poden chamar aos teléfonos: 678-232901; 629-913655 ou 615-958969.

O alcalde, Manuel Cuiña, e o concelleiro Klaus Brey, participaron hoxe na presentación desta terceira edición da festa, que foi medrando en participación dende o seu nacemento.

“Quixemos facer da xornada un punto de encontro para os veciños da zona e ao mesmo tempo ampliar a oferta gastronómica do municipio”, engaden dende a organización.

O reto é chegar este ano aos 500 comensais, logo de superar en 2014 os 400 asistentes. Os membros da asociación teñen previsto preparar o seu afamado plato con 100 kilos de carne (pata e chourizo, entre outros) e preto de 70 kilos de garbanzos.

Ademais da carpa para a degustación dos callos, haberá outra independente cun pulpeiro.

Dende a organización tamén se remitiron cartas a todos os colectivos veciñais e culturais do municipio para promocionar a festa. “Temos previsto crear unha peña entre nós para asistir a outras citas gastronómicas do municipio”, sinalan.

Dende o Concello, o alcalde Manuel Cuíña, felicitou aos colectivos organizadores “por acadar en pouco tempo con traballo e esforzo un grande éxito”, dixo, e amosouse convencido de que esta terceira edición servirá “para consolidar definitivamente o sabor dos callos de Ansemil-Martixe como un novo referente gastronómico de Silleda”, engadiu.

1 de abril de 2015 | 15:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.