Uns 50 touroperadores de 17 países acudirán en busca de propostas turísticas ao salón Turexpo Galicia 2015

Bolsa de Contratación Turexpo 2013
O V Salón Turístico de Galicia, Turexpo Galicia 2015, o cal se celebrará do 20 ao 22 de marzo no recinto Feira Internacional de Galicia, reunirá a cerca de 50 touroperadores internacionais e nacionais na súa Bolsa de Contratación Turística.
Estes operadores proceden de 17 países con gran interese como emisores de turismo. Así, en busca de propostas para ofertar nos seus lugares de orixe, acuden maiorista de Alemaña, Arxentina, Brasil, Bulgaria, Canadá, China, Dinamarca, España, EE.UU, Holanda, Hungría, India, Xapón, México, Polonia, Portugal e Rusia.
Estas cifras de participación converten á Bolsa de Contratación de Turexpo Galicia 2015 nunha das maiores do noroeste peninsular, ao tempo que destaca por unha coidada selección de operadores cun alto interese na oferta presente no certame, a cal lles mostrará as súas propostas a través de reunións.
Esta Bolsa de Contratación, que conta co apoio do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e a Axencia Turismo de Galicia, será así un verdadeiro punto de encontro turístico internacional que constituirá unha inmellorable plataforma de negocio para a oferta participante.
Axenda en función dos intereses
As reunións entre touroperadores e expositores son axendadas con antelación en función dos intereses de ambas partes, tanto das preferencias marcadas pola oferta do salón dacordo coa súa estratexia comercial como dos operadores turísticos asistentes, buscando deste xeito a máxima efectividade.
Por parte dos maioristas acudirán principalmente directores xerais, de marketing e de ventas, e tamén propietarios, os cales se reunirán o primeiro día e medio do certame coas empresas presente na feira. Moitos destes encontros contarán coa participación de tradutores que facilitarán a comunicación, e tamén de varios coordinadores da Feira Internacional de Galicia.
Viaxes de familiarización
A estas mesas de negocio, a Bolsa de Contratación Turística engadirá mañá mércores e o xoves tres itinerarios de pre-tour (viaxes de familiarización) a distintos puntos da comunidade, cos que se pretende mostrar a grupos de touroperadores atractivos turísticos dalgunhas zonas e ao mesmo tempo reforzar as propostas realizadas nos encontros con eles.
Neste pre-tour participarán 35 dos touroperadores asistentes á Bolsa, os cales visitarán mañá pola mañá Santiago de Compostela e comerán na cidade, dividíndose xa pola tarde nas tres rutas programadas, as cales se prolongarán ata o xoves pola noite.
Deste xeito, durante un día e medio un grupo de 13 operadores dirixirase á cidade de Ourense e á Ribeira Sacra, outro de outros 13 ás Rías Baixas, e un terceiro de 9 touroperadores ás cidades de A Coruña e Ferrol e ás Fragas do Eume.











