Uns 400 remeiros participarán na regata de bateis Bandeira Concello de Riveira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesRiveira
A-
A+

Este sábado 28 de marzo, preto de 400 remeiros acudirán á nosa cidade para tomar parte na primeira edición da regata de bateis Bandeira Concello de Riveira – Trofeo Duarry.

Para falar das características da proba compareceron no Consistorio Municipal Miguel Cores, en representación do Club de Remo Náutico de Riveira, e o concelleiro de Deportes Juan Luis Martínez.

A regata celebrarase a partir das 16 horas na zona do porto exterior e contará coa participación de entre 72 e 75 embarcacións. Acudirán equipos de distintas localidades da xeografía galega, como Celeiro, Ribadeo, A Coruña, Perillo, Cabanas, Mugardos e, no territorio comarcal, Rianxo, Cabo de Cruz e A Pobra, ademais de Riveira.

Campo de regatas

Miguel Cores destacou a vistosidade da proba e a espectacularidade do campo de regatas, cunha altísima visibilidade ao contar con 380 metros de escollera lineal (a competición descorrerá paralela a esta. Tamen salientou o nivel competitivo da cita con deportistas de primeiro nivel.

Pola súa banda, Juan Luis Martínez manifestou que con esta “fantástica iniciativa” o pobo de Riveira pode ver os primeiros froitos que a nivel de canteira se están a dar dende que se lograra poñer en marcha o club local, que xa aglutina a preto de 50 remeiros.

A entrega de trofeos está programada para entre as 18.30 e as 19 horas e terá lugar no palco de pedra do Malecón. Haberá trofeos por categorías para os tres primeiros clasificados (alevín, infantil, cadete, xuvenil e sénior en categoría masculinas, e promesas, xuvenil e sénior na modalidade feminina).

Entre as distincións a entregar cóntase cun trofeo artesanal elaborado pola asociación Ambar e con outro cortesía do patrocinador Duarry. Tamén haberá medallas por tripulacións.

26 de marzo de 2015 | 19:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.