Unha guía de profesores e catro cadernos didácticos divulgarán nos colexios a exposición do Santa Isabel

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRiveira
A-
A+
Presentación das guías didácticas

Presentación das guías didácticas

Co obxecto de seguir dando a coñecer a exposición que sobre o naufraxio do Santa Isabel está a albergar o Auditorio Municipal de Riveira, dende o Concello se vén de materializar unha nova acción consistente na elaboración de distinto material didáctico pensado para achegar esta mostra aos centros educativos.

A comisaria da exposición, Pilar Casas, e a concelleira de Cultura, Elvira Pisos, deron a coñecer hoxe este material, consistente nunha guía destinada ao profesorado e catro cadernos de actividades que están adaptados aos distintos niveis académicos: infantil, primaria, secundaria e bacharelato.

Pilar Casas explicou que ata agora se realizaran eventos pensados para divulgar a mostra ante un público eminentemente adulto, como foi o caso da charlas impartidas no pasado Xuño da Cultura 2014 ou a que se deu este ano co gallo da X Semana Cultural Francisco Lorenzo Mariño. Non obstante, animados polo gran número de centros educativos que nos últimos meses amosaron o seu interese en coñecer a exposición (de feito para esta mesma semana xa hai programadas dúas visitas), decidiuse desenvolver outro tipo de accións pensadas para un perfil escolar. “Os alumnos son os futuros consumidores de produtos culturais e se nós os sabemos incentivar se sentirán máis predispostos a disfrutar con da próxima exposición que vexan”, afirmou.

Así, a guía do profesorado consiste nunha especie de resumo dos distintos apartados da exposición (dende a construción do barco ata as homenaxes as heroínas de Sálvora); mentres que cada caderno conterá, ademais dos obxectivos que se pretenden, unha serie de actividades adaptadas á idade do alumnos: por exemplo, as de educación infantil teñen un compoñente fundamentalmente plástico (colorear un debuxo dunha dorna, atopar as diferencias entre dúas paisaxes co faro de Sálvora, atopar o camiño que o bote debe seguir nun labirinto para chegar ata o peirao, etc…), en tanto que as de bacharelato comprenden propostas como investigar as repercusiósn doutras coñecidas traxedias (o 11-S, o Prestige…), ou asociar os acontecementos do Santa Isabel co seu contexto artístico, literario ou histórico.

Para a súa elaboración contouse coa participación dunha alumna da Facultade de Historia da Arte de Santiago de Compostela, Izaskun Caselles, quen estivo realizando un período de prácticas na sala museo municipal.

Segundo explicou Elvira Pisos, a guía do profesorado e as catro unidades didácticas estarán dispoñibles dende mañá en formato pdf na páxina web do Concello (www.riveira.es / www.riveira.gal) para que todos os docentes interesados poidan acceder dunha forma cómoda e sinxela.

Ademais, estes elementos serán enviados a partir de mañá por correo electrónico aos centros educativos públicos e privados de toda a comunidade galega.

24 de marzo de 2015 | 17:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.