Unha gran recreación do Camiño de Santiago amosará a oferta turística desta ruta na feira Turexpo Galicia
O Camiño de Santiago será un dos protagonistas do V Salón Turístico de Galicia, Turexpo Galicia 2015, o cal se celebrará do 20 ao 22 de marzo no recinto Feira Internacional de Galicia. Así, este certame contará cunha gran recreación do Camiño Francés e a Vía da Prata, realizada a través da presenza da maioría dos concellos situados nestas dúas rutas e tamén de distintos atractivos presentes ao longo delas.
Os municipios presentes contarán cun espazo expositivo situado nunha zona correspondente a súa ubicación real nestas rutas xacobeas, no cal promocionarán entre os visitantes as súas propostas turísticas. Aqueles concellos que non estean presentes contarán igualmente cun indicativo da súa localización no Camiño.
Así mesmo, ao longo deste Camiño Francés e esta Vía da Prata o público da feira poderá ver reproducións e proxeccións de distintos atractivos localizados nestas dúas rutas, como monumentos ou espazos emblemáticos. Sumaranse en diferentes ubicacións varias exposicións relacionadas.
Por outra banda, este Camiño de Santiago acollerá na súa Praza do Obradoiro moitas das actividades do programa desta edición da feira. Deste xeito albergará exhibicións, demostracións e degustacións dos distintos concellos participantes e das festas de interese turístico presentes no certame, ademais doutras propostas con gran atractivo.
Para percorrer esta magnífica ruta xacobea, que terá unhas dimensións de 5.500m² de extensión e conta co apoio da Axencia Turismo de Galicia, a feira disporá de varios guías que acompañarán durante a fin de semana a grupos de asistentes ao salón que así o desexen e irán informándoos de distintos aspectos e particularidades.
Xogos para coñecer o Camiño
O Camiño de Santiago de Turexpo Galicia 2015 contará cunha actividade destinada a que os nenos coñezan mellor esta ruta de peregrinación e os lugares que atravesa. Así, estes poderán participar nun xogo no cal coa axuda dun dado e convertendo o Camiño nun gran taboleiro irán percorréndoo ata chegar á Praza do Obradoiro. Os participantes irán avanzando coas súas respostas sobre os distintos concellos nos que deban deterse en función dos números que indique o seu dado.