Un total de 26 comercios locais participan na Feira de Oportunidades do Porriño
O alcalde do Porriño, Nelson Santos, e o concelleiro de Comercio, Marcelino Coto, acompañados por Juana Pérez, presidenta da Asociación de Comerciantes e Industriais do Porriño (ACIPOR) e por Raquel Alonso e Noelia Conde, secretaria e xerente da mesma, presentaron esta mañá no Salón de Plenos da Casa Consistorial a duodécima edición da Feira de Oportunidades do Porriño “Merca na rúa” que se celebrará este mesmo fin de semana no noso municipio.
Os próximos 21 e 22 de marzo, nas rúas do centro do Porriño poderemos atopar infinidade de produtos de primeira calidade con descontos de até o 90 % grazas a esta iniciativa que unha vez máis, persegue promover e pór en valor o comercio local. Esta feira de oportunidades dá resposta a un problema latente do pequeno comercio, a venda da mercadoría que non se vendeu durante a tempada, mentres o consumidor benefíciase de importantes descontos, superiores mesmo aos aplicados en época de rebaixas.
O rexedor, quixo pór en valor esta iniciativa da asociación de comerciantes, “En primeiro lugar felicitar a ACIPOR por esta XII Feira de stocks “Merca na rúa” que estou convencido que, unha vez máis, será todo un éxito. Con iniciativas como esta, e co esforzo e a constancia dos comerciantes dáse un gran impulso ás compras locais, e conséguese que a día de hoxe o comercio do Porriño, a pesar das dificultades, sexa dinámico, mantéñase e mostre unha evolución moi positiva”, e concluíu reiterando o apoio que desde o Concello do Porriño dáse sempre ao pequeno comercio, “Os comerciantes do Porriño e ACIPOR terán sempre o noso total apoio e colaboración. A boa relación entre a asociación e o Concello é un alicerce fundamental da unión do comercio local”.
Pola súa banda, o concelleiro de comercio, Marcelino Coto, quixo convidar os veciños do Porriño e aos dos municipios lindeiros, a participar este fin de semana na que xa é unha consolidada cita do comercio local porriñés e precisou “é un orgullo e un deber axudar e colaborar un ano máis nesta feira”, e quixo subliñar que grazas a iniciativas como esta “a día de hoxe o comercio do Porriño goza de moi boa saúde, a xente anímase a emprender e seguen abríndose novos comercios no noso municipio”.
“Serán un total de 26 establecementos do comercio local asociado, os que ofezcan unha gran e variada oferta que vai desde a moda, óptica, calzado, roupa de bebés ou deportes” explicou Juana Pérez, que aproveitou para mostrar ao Concello o seu agradecemento “polo apoio que sempre recibimos á hora de organizar estas actividades”. A presidenta da asociación de comerciantes concluíu “O comercio do Porriño é un dos máis fortes da zona, resistindo os momentos máis difíciles. Desde ACIPOR faremos sempre o posible por axudar a manter a súa actividade aos establecementos que xa existen e por facilitar que se establezan novos comercios en Porriño.”
Como en anteriores edicións, o Concello pon a disposición da organización os servizos necesarios para a celebración de feira, así como inchables e atraccións gratuítas nas que haberá monitores ao coidado dos nenos, para que os máis pequenos tamén teñan o seu espazo e os seus pais poidan gozar dunha tranquila xornada de compras.
Así, o sábado 21, en horario ininterrompido de 10:00 a 21:00 horas, e o domingo 22, 11:00 a 20:00 horas, a zona peonil do Porriño volverá encherse das mellores ofertas e produtos de ocasión que ofrece o comercio da nosa localidade.