publicidade hoxe

Últimos días para solicitar en Pazos de Borbén a prestación económica por fillos menores de tres anos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPazos de Borbén
A-
A+

O Concello de Pazos de Borbén, a través da área de Servizos Sociais, informa as familias que teñen á súa disposición a prestación económica de pagamento único por fillo menor de tres anos. Poden beneficiarse, segundo establece a ordenanza, as persoas que teñan fillos de ata tres anos o día 1 de xaneiro do 2015, é dicir, que nacesen a partir do 2 xaneiro do ano 2012.

Entre os requisitos que se establecen para poder solicitar a axuda establécese que as persoas proxenitoras teñan a súa residencia habitual en Galicia; que na data de solicitude os nenos convivan coa persoa solicitantes; e que durante o ano 2013, nin as persoas solicitantes nin ningunha das persoas que compoñen a unidade familiar, estivesen obrigadas a presentar a declaración polo IRPF correspondente a este período, nin a presentasen de forma voluntaria aínda sen estar obrigadas a iso.

Tamén recolle que no caso de tratarse de fillos adoptados ou en acollida entre o 31 de decembro do 2013 e o 31 de decembro do 2014, a prestación se poderá conceder durante tres anos, posteriores á data de inscrición no Rexistro Civil ou, cando esta non sexa necesaria, a partir da resolución xudicial ou administrativa que a declare.

A prestación consistirá nun pagamento único por cada fillo. A contía é de 360 euros o primeiro; 1.200 euros o segundo; 2.400 euros cando sexa o terceiro ou sucesivos. Os interesados poderán presentar a solicitude na oficina de Servizos Sociais do Concello de Pazos de Borbén, nas Xefaturas Territoriais da Consellería de Traballo e Benestaro por vía electrónica: o prazo de presentación finaliza o 14 de marzo.

Os interesados en acollerse a esta prestación deberán presentar unha fotocopia do libro de familia ou certificación literal de nacemento do Rexistro Civil de cada solicitante para os efectos de acreditar a data de nacemento e a orde; o certificado de empadroamento conxunto da unidade familiar; copia da sentenza de nulidade, separación ou divorcio e do convenio regulador, se se dá o caso. Nos supostos de adopción ou acollida, deberán prestar copia da resolución xudicial ou administrativa que a declare (só no suposto de que a formalización se realice noutra comunidade autonómica). Tamén a autorización do cónxuxe ou parella para obter a AEAT e da Consellería de Facenda os datos de carácter tributario.

11 de marzo de 2015 | 18:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.