Últimas prazas para participar no Porriño no taller “Incubadora de proxectos”
A dous días de pecharse a inscrición, todos aqueles interesados en participar no taller “Incubadora de proxectos” organizado pola Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) do Concello do Porriño, en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Xunta de Galicia, aínda poden ocupar algunha das últimas prazas vacantes.
Así, aqueles mozos maiores de 18 anos que queiran participar nesta actividade, poderán formalizar a súa inscrición ata este venres 13 de marzo, acudindo ás dependencias da OMIX no Centro Cultural Municipal ou ben chamando ao teléfono 986 337 624 para deixar o seu nome, apelidos, DNI e teléfono de contacto.
“Este taller pretende ser unha ferramenta de traballo, enfocada a mozas que busquen mellorar as súas competencias e destrezas en canto á redacción e execución de proxectos, e que teñan a inquietude de presentar propostas no marco dos programas de participación xuvenil”, explica o alcalde do Porriño, Nelson Santos.
Con este taller formativo búscase lograr a participación dos mozos en programas que actúan como elementos dinamizadores do tecido asociativo, impulsores de iniciativas innovadoras e elementos valiosos no currículo non formal. O contido desta actividade, dirixida a novos animadores xuvenís, técnicos municipais, axentes de desenvolvemento local, concelleiros de xuventude, asociacións xuvenís, grupos informais de mozos, estudantes e en xeral, a calquera colectivo interesado nos programas de participación xuvenil, abranguerá dende o concepto de participación xuvenil ata a elaboración, execución e xustificación dun proxecto.