Turexpo Galicia comeza este venres con 213 firmas expositoras e 50 touroperadores

Edición anterior de Turexpo
O V Salón Turístico de Galicia, Turexpo Galicia 2015, abre mañá as súas portas no recinto Feira Internacional de Galicia cunha proposta que incluirá a presenza de 213 firmas expositoras, das cales 97 son expositores directos e 116 indirectos, a participación de 50 touroperadores de 17 países e un completo programa de actividades. Este certame, que conta co apoio da Axencia Turismo de Galicia, orientarase principalmente a profesionais durante o primeiro día e medio e a público xeral a partir da tarde do sábado, sendo a súa inauguración oficial mañá ás 12:30 horas.
Na súa área expositiva o Camiño de Santiago será un dos seus principais protagonistas. Así, contará cunha gran recreación de 5.500m² do Camiño Francés e a Vía da Prata, realizada a través da presenza da maioría de concellos situados nestas rutas (serán 36) e tamén de siluetas que reproducen distintos atractivos localizados nas mesmas, como unha palloza do Cebreiro, a Capela do Ciprés de Samos, o Monumento á Queixeira de Arzúa, a Ponte Romana de Ourense, o Monumento a Loriga de Lalín, o Monte do Gozo ou a Catedral de Santiago, entre outros. Os 10 concellos que non están presentes contarán igualmente cun indicativo da súa localización no Camiño.
En canto ao seu programa de actividades, na súa vertente profesional un dos pilares da feira será a súa Bolsa de Contratación Turística, a cal conta co apoio do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape). Unha efectiva ferramenta coa cal, mediante reunións axendadas, os expositores presentes no certame terán a oportunidade de amosar as súas propostas a 50 touroperadores (aos xa confirmados sumáronse máis) de 17 países. Así, acoden operadores de Alemaña, Arxentina, Brasil, Bulgaria, Canadá, China, Dinamarca, España, EE.UU, Holanda, Hungría, India, Xapón, México, Polonia, Portugal e Rusia.
Moitos destes operadores turísticos están a participar hoxe no pre-tour (viaxe de familiarización) que ten lugar dende onte e ata hoxe no marco desta Bolsa de Contratación, co cal están a coñecer en tres grupos Ourense e a Ribeira Sacra, as Rías Baixas, A Coruña, Ferrol e as Fragas do Eume.
As cifras de participación desta Bolsa de Contratación convértena nunha das maiores do noroeste peninsular, ao tempo que destaca por unha coidada selección de operadores cun alto interese na oferta presente no certame.
Máis de 40 actividades para público xeral
O público xeral contará cun completo programa, conformado por máis de 40 actividades distintas e centrado na fin de semana, cando se espera a maior afluencia de público. A maioría delas celebraranse na Praza do Obradoiro da gran recreación do Camiño de Santiago do salón.
As exhibicións contarán con gran protagonismo. Así o programa incluirá distintas representacións de festas de interese turístico no marco de Festur, Feira de Festas de Interese Turístico, como as dos entroidos de Viana do Bolo e Alto dos Xenerais, o Arde Lucus de Lugo ou os Maios de Ourense. A elas uniranse exhibicións doutras celebracións como a dos boteiros do entroido de Vilariño de Conso, a Noite Meiga de Sarria ou a Festa do Esquecemento de Xinzo de Limia, entre outras.
As exposicións tamén estarán presentes, como as dos atractivos turísticos dos 16 concellos que conforman a “Área Santiago” e a do Entroido dos Xenerais, ambas fotográficas, ou a centrada no mundo pre-romano na antiga Gallaecia. E tamén as degustacións, como a da festa de interese turístico do concello de O Pino denominada “do Galo Piñeiro”, as realizadas polos Concellos de Vila de Cruces, Touro e A Estrada ou as que levarán a cabo distintas entidades turísticas e tamén municipios de Porto e Norte, como Vila Pouca de Aguiar, Vila Nova de Gaia, Viana do Castelo, Porto, Valongo, Maia e Mirandela.
O turismo activo terá gran peso neste programa, con presenza todos os días dunha tirolina que atravesará o pavillón, de tiro con arco, rocódromo, ponte colgante, diana de paintball e zorbing. Tamén o baile e a música formarán parte desta edición da feira, realizándose distintas actuacións de grupos folclóricos galegos, como Os Arandos, e de agrupacións de gaitas, como a de Barbude ou Sin Son.
Presentacións, proxeccións, talleres e xogos para nenos como o do Camiño de Santiago completarán un programa para público xeral ao que tamén se sumarán numerosas actividades realizadas polos propios expositores nos seus stands, como degustacións ou sorteos de estancias en aloxamentos.
Por outra banda, o certame contará durante todos os días cunha concentración de autocaravanas, organizada pola Asociación Galega de Autocaravanas (AGA), cuxo numero de participantes se está a pechar.
Peche con Panorama
Unha vez clausurado Turexpo Galicia 2015, o domingo día 22 ás 19.00horas, este certame contará cun programa lúdico complementario ao que se poderá acceder coa entrada á feira ou abonando 2€. Este incluirá a actuación do dj David Expósito, entre ás 19.00h e as 21:00h; a retransmisión nunha pantalla xigante do partido de liga FC Barcelona – Real Madrid CF, e a partir das 23.00h horas un concerto presentación da xira 2015 da orquestra Panorama, “The Game Tour”.