Silleda completará as áreas de biosaudables e parladoiros noutras seis parroquias

Antonio Crespo e Manuel Cuíña na visita a un parque biosaudable da localidade
O alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, visitou hoxe xunto co director xeral de Agader, Antonio Crespo, o presidente do GRD Terras do Deza, Luis López; e o subdirector do Agader, Javier Blanco o parque biosaudable e o parladoiro de Laro, unha das dezaseis instalacións realizadas no rural silledense a través de fondos Leader e municipais. A inversión total é de 51.451,51 euros. No ano 2014 realizouse unha inversión de 38.000 euros, dos que a Agader financiou 15.000 euros. A cantidade restante executarase nesta anualidade.
Durante a visita Manuel Cuiña explicou que o proxecto abrangue un total de 16 parroquias, a executar en dúas fases. Así, logo dunha primeira dotación en 2014, coa instalación de dispositivos para o exercicio e de parladoiros, agora resta a colocación noutras 6 localidades.
O Concello de Silleda procederá a iniciar os trámites para a segunda fase do proxecto, na que se inclúen as parroquias de Escuadro, Graba, Negreiros, Parada, Saídres e Siador.
“Esta actuación mellora as dotacións para os veciños e veciñas do rural, que a través destas áreas teñen un novo espazo para a realización de exercicio ou para interrelacionarse”, explica Cuiña.











