Riveira solicita á Xunta un novo obradoiro de emprego xuvenil para insertar laboralmente a 24 mozos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRiveira
A-
A+

O Concello de Riveira acaba de solicitar á Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia un segundo obradoiro de emprego, esta vez enfocado especificamente na inserción laboral da poboación xuvenil do municipio.

Neste senso, para poder participar no denominado Obradoiro de Emprego Xuvenil de Riveira hai que estar inscrito no Sistema de Garantía Xuvenil e para isto cómpre cumprir unha serie de requisitos.

Entre eles, ter máis de 16 anos e menos de 25, ou de 30 no caso de persoas cun grado de discapacidade igual ou superior ao 33% no momento da solicitude da inscrición; non ter traballado nos 30 días naturais anteriores á data de presentación da solicitude; non ter recibido accións educativas que conleven máis de 40 horas mensuais nos 90 días naturais anteriores á presentación; ou non ter recibido accións formativas que conleven máis de 40 horas mensuais nos 30 días antes á solicitude.

Traballos

Este taller versará sobre actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería. A proposta do Concello é poder formar a un total de 24 alumnos traballadores, que realizarían diversas accións de mellora na nosa contorna, como os acondicionamentos dos xardíns do parques de Pedra Pateira e Abesadas e da rotonda de Xarás, ademais de labores de mantemento noutros parques e xardíns municipais.

Ademais dos 24 alumnos, contrataríanse tamén un director, dous mestres da especialidade, un auxiliar administrativo (todos estes a tempo completo) e, a tempo parcial, un titor e un mestre de formación empresarial.

Tahúme 2

Cómpre lembrar que no pasado mes de febreiro xa se solicitou outro obradoiro de emprego (chamado Tahúme 2) na especialidade de carpintería e moble, esta vez de forma conxunta co Concello de Porto do Son e que estaría destinado a 30 alumnos traballadores maiores de 18 anos.

10 de marzo de 2015 | 19:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.