Porremprego II formou a 19 porriñeses en animación sociocultural e limpeza

Clausura do curso
Un emotivo acto de clausura puxo esta mañá o punto final ao Obradoiro de emprego “Porremprego II”, no que 19 veciños do Porriño recibiron formación e traballaron simultaneamente durante o seis meses que durou o programa. Acompañando aos alumnos e ao persoal técnico e docente do Obradoiro estiveron o alcalde do Porriño, Nelson Santos, o concelleiro de Emprego e Formación, M. Alejandro Lorenzo, e Susana Figueroa, Xefa do Servizo de Coordinación Administrativa da Consellería de Traballo e Benestar, así como a súa directora Mila Calviño.
Durante o acto, ao que tamén asistiu unha nutrida representación dos centros escolares do Porriño e un grupo de nenos do centro de educación especial ACEESCA, que este ano foron partícipes da programación do Obradoiro, o rexedor quixo trasladar aos alumnos e ao persoal o seu agradecemento, “este Obradoiro para min foi especial, séntome plenamente satisfeito co resultado por moitos motivos, entre os que destaca a participación e o éxito que tivestes en todas as vosas intervencións, grazas ao esforzo e ao agarimo que pondes no voso traballo todos os que formastes parte deste Obradoiro”. Neste sentido o M. Alejandro Lorenzo quixo destacar a ilusión que caracterizou a este equipo “sempre dixen que a felicidade non é facer o que un quere, é querer o que un fai e vós sentistes todos e cada un dos proxectos que puxestes en marcha.”
Así mesmo, o edil quixo animar aos participantes a manter esa ilusión no proceso de procura de emprego “Hoxe ábrese unha nova vía, a través do certificado de profesionalidade e a formación que adquiristes, poderedes afrontar con maior competitividade a inserción laboral. O Concello do Porriño seguirá loitando para que consigades un posto de traballo, Porremprego conta coas ferramentas necesarias para axudarvos neste proceso e están á vosa disposición”. Apoio ao que se sumou o alcalde, Nelson Santos, “A miña maior recompensa sería que todos e cada un de vós conseguísedes un emprego. Tedes que manter o ánimo e a ilusión que ata agora mostrastes, e sabedes que durante este proceso sempre contardes co apoio do Concello para todas as iniciativas e proxectos que queirades pór en marcha”.
E é que o fomento do emprego continúa sendo unha cuestión prioritaria para o Goberno Local. As políticas de emprego e formación que o Concello do Porriño puxo en marcha comezan a dar os seus froitos e postulan ao noso municipio como un referente nesta materia, “a maior satisfacción que podería ter como alcalde sería deixar a taxa de desemprego do Porriño ao mínimo”, sinalou o rexedor, “continuaremos apostando polo emprego, como Goberno o noso deber é dar aos nosos conveciños o que máis necesitan e isto é un posto de emprego digno. Mentres haxa unha persoa desempregada en Porriño seguirei loitando porque consiga un posto de traballo”.
Non en balde, o Concello do Porriño destinou un millón de euros ao novo Plan Municipal de Emprego, grazas ao cal entre outros aspectos, 100 persoas incorporaranse este mes ao mercado laboral. Enmarcado neste novo plan está tamén a solicitude dun novo Obradoiro de Emprego que inclúe dúas especialidades: Operacións básicas de restaurante-bar, Operacións básicas de cociña e Atención Sociosanitaria. “45 persoas participarán neste novo proxecto que, asociado ás dúas primeiras especialidades, inclúe a elaboración dun comedor social no que os alumnos/as de cociña elaborarán os menús e os de restaurante bar servirán aos comensais entre persoas necesitadas do noso municipio”, explica o concelleiro de Emprego e Formación, M. Alejandro Lorenzo.
Santos explicou que se trata “dunha proposta formativa específica e efectiva en áreas nas que existe unha importante oferta-demanda”.
Susana Figueroa manifestou neste sentido “que a Consellería de Traballo seguirá apostando por iniciativas como esta de o Concello do Porriño, que confío resolverase de forma satisfactoria.”, e aproveitou a súa intervención para “felicitar aos alumnos e ao persoal do Obradoiro, e dar as grazas ao alcalde, Nelson Santos, e ao concelleiro de Emprego e Formación, M. Alejandro Lorenzo, pola iniciativa e promoción que sempre mostra este Concello sen a cal sería imposible impulsar estes proxectos”.
Nace Cóxegas, a Asociación Asociocultural froito de “Porremprego II”
A clausura do Obradoiro contou hoxe cun engadido, e é que ademais de despedir seis meses de vivencias, hoxe deuse a benvida a un novo proxecto. Tras formarse e adquirir a experiencia necesaria, catro alumnos do curso de Animación Sociocultural decidíronse a emprender o seu novo camiño profesional. Así, coa intención de achegar o seu granito de area a mellorar a realidade das persoas, Diana Vázquez, Beatriz García, Eva Pérez e Amaro Sánchez decidíronse a pór en marcha “Cóxegas”, unha Asociación Sociocultural que xa comezou a súa andaina ofrecendo animación e organización de eventos, campamentos ou talleres, aínda que teñen ganas e motivación dabondo para abrirse camiño noutros campos.
Os membros de “Cóxegas” queren “agradecer o apoio recibido por parte da dirección do Obradoiro e en especial da nosa profesora, Begoña Lesende.”
O Obradoiro de emprego Porremprego II formou a 19 veciños do Porriño
Porremprego II requiriu un investimento de 170.000 por parte do Concello do Porriño, Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo, para a posta en marcha das dúas accións formativas que incluía, “Limpeza de superficies e mobiliario de edificios e locais e Emprego doméstico” e “Dinamización, programación e desenvolvemento de accións culturais”, dúas áreas nas que existe unha importante oferta-demanda.
Así, os alumnos de primeira das especialidades realizaron diferentes traballos de limpeza en edificios públicos como a Casa Consistorial, pavillón municipal, Centro Cultural, Centro Multiusos ou a UAD, ademais da limpeza en domicilios particulares en coordinación cos Servizos Sociais do Concello do Porriño para os usuarios/as que necesiten este tipo de prestación. Pola súa banda, os participantes do curso de Animación sociocultural xogaron un papel esencial nos diferentes actos culturais e lúdicos das programacións de Nadal e Entroido, así como nas distintas actividades e accións culturais impulsadas polo Concello do Porriño.











