“Os Sete Magníficos máis Un” abre o Mes Cultural de Axuda ao Pobo Saharaui en Silleda

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSilleda
A-
A+

O III Mes Cultural de Axuda ao Pobo Saharaui arranca mañá en Silleda coa actuación de Os Sete Magníficos máis Un. Pedro Brandariz e Fran Rei traen á localidade o seu exitoso espectáculo humorístico Bivalvos como galegos. A cita será na Casa da Cultura de Silleda ás 21.30 horas, con entradas a 5 euros.

Os Cempés toman o relevo o vindeiro sábado 11 de abril, traendo á Bandeira “Baile 100%”. A cita será no Centro Cultural Vista Alegre, cun obradoiro de baile e sesión de baile e música ao vivo. O obradoiro será pola tarde, ás 19.30 euros e ten un custe de 5 euros, o mesmo prezo que a sesión de pezas bailables que ofrecerá o grupo, tamén en Vista Alegre a partir das 22.00 horas. As persoas que asistan ao obradoiro e a sesión, recibirán como agasallo un CD do grupo. Para asisitir ao obradoiro é preciso anotarse no Centro Cultural Vista Alegre ou chamando ao 986 585550.

Tamén na Bandeira o día 18 de abril actuará Mofa e Befa, que repiten no Mes Cultural de Axuda ao Pobo Saharaui. Será no auditorio Manuel Dopazo, ás 21.00 horas, co seu novo espectáculo titulado “Bobas e Galegas”, que vén de visitar as principais cidades galegas. A entrada custa 6 euros.

O día 25 de abril o programa continua con outros dous recoñecidos contacontos: Quico Cadaval e Celso F. Sanmartín, que actuarán na Casa da Cultura de Silleda ás 21.00 horas (8 euros).

Pecha o cartel o actor Pepo Suevos, que tamén traerá o seu monólogo á Casa da Cultura de Silleda o 30 de abril (21.30 horas), con entradas a 5 euros.

Puntos de venta e bonos para os monólogos

O igual que nas anteriores edicións, a organización tamén pon a disposición do público a posibilidade de mercar bonos para catro das acutacións (agás a de Os Cempés) por 19 euros. Non caso de non adquirir bonos, as entradas estarán á venda en taquilla, unha hora antes da función.

Os puntos de venda de bonos estarán en Silleda (Salón de Té, Cafetería Mari Pepa, Pukará, e A Cantina), na Bandeira (Arume Bar e A Taberna do Músico); Lalín ( Café de Mili, O Bodegón de Álex, Viños e Tapas Suso). En Rodeiro poden mercarse tamén no Café Pub Quirós; en Vila de Cruces na Cafetería Galicia e en Agolada no Bar Central.

O Mes Cultural está organizado por Solidariedade Galega co Pobo Saharaui, en colaboración co Concello de Silleda.

31 de marzo de 2015 | 18:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.