Os escolares do Porriño conmemoran o Día da Árbore cunha plantación en Chenlo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Porriño
A-
A+
O alcalde do Porriño cos escolares na plantación

O alcalde do Porriño cos escolares na plantación

Ao redor de medio centenar de escolares do CEIP Antonio Palacios participaron esta mañá na plantación de distintas especies arbóreas autóctonas nos montes da contorna do campo de fútbol de Chenlo para conmemorar o Día Mundial Forestal, máis coñecido como Día da Árbore, que cada ano se celebra coincidindo coa entrada da primavera.

A actividade, organizada por terceiro ano consecutivo desde a Entidade Local Menor de Chenlo en colaboración co Concello do Porriño e a Xunta de Galicia, desenvólvese co obxectivo de promover a concienciación social sobre a importancia ambiental e económica do sector forestal na nosa comunidade. Unha brigada do servizo de Montes formada por técnicos forestais foi a encargada de realizar unha explicación aos alumnos sobre a plantación destas especies, para o que contaron coa colaboración dos alumnos de animación sociocultural do Obradoiro de Emprego “Porremprego II”.

O alcalde do Porriño, Nelson Santos, e o alcalde pedáneo da ELM de Chenlo, M. Alejandro Lorenzo, xunto ao profesorado do centro, acompañaron aos nenos nunha xornada a que se plantaron máis de medio centenar de árbores entre cerdeiras, acivros e bidueiros. Ademais, os escolares aprenderon a utilizar as diferentes ferramentas e a elixir o lugar adecuado para plantar cada unha das especies.

“A través de actividades como esta os nenos aprenden e reflexionan sobre a importancia de preservar, coidar e protexer os nosos bosques, á vez que comprenden algo esencial, o respecto á nosa contorna natural”, precisou o rexedor, que non dubidou en unir forzas cos pequenos e colaborar na plantación.

Como broche final, os escolares participaron nunha demostración de como actúa o camión motobomba de Protección Civil do Porriño á hora de sufocar un incendio.

18 de marzo de 2015 | 19:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.