Os antigos alumnos da Escola Unitaria de Nespereira reúnense 44 anos despois

Reunión de antigos alumnos
Máis dun centenar de antigos alumnos da antiga Escola Unitaria de Nespereira, hoxe reconvertida na escola infantil A Galeriña, reuníronse este fin de semana, 44 anos despois de abandonar o centro, nun encontro cargado de emocións, sorrisos, recordos, abrazos e fotografías en branco e negro. Os exalumnos cursaron os seus estudos no ano 1971 e aqueles vínculos creados na súa nenez mantéñenos aínda hoxe en contacto.
Para moitos foi a segunda nai. A figura de Dona Merceditas, como todos a coñecen, segue xerando palabras de admiración. Era a profesora da aula feminina do centro, e aquelas antigas nenas, hoxe convertidas en mulleres, seguen tendo en altísima estima a esta muller. “Ela viña andando todos os días coas bolsas e todo o necesario, porque na escola non tiñamos de nada, desde Os Valos e as nenas iámola a buscar para axudala”, lembra Mari, unha das súas alumnas. O sábado volveu atoparse con moitas delas, que agradeceron o apoio que sempre lles brindou esta muller.
“Algúns deles non se viron desde entón e mesmo non se recoñecerían se se atoparan pola rúa”, comenta Don Manuel, o titor da clase dos nenos, que lembra aquela época como “uns anos moi bonitos nos que o pasabamos moi ben, rodeados de boa xente, moi entrañable e próxima. Pasear agora por este lugar éncheme de recordos preciosos, aquí mesmo había un xardín no que alumnos e profesores traballamos de xeito conxunto, aprendendo e gozando xuntos”.
Os vellos alumnos levaron moitas alegrías. A xornada non só se centrou en saúdos, intercambio de impresións, experiencias e recordos, senón que tamén serviu de homenaxe aos dous profesores e para lembrar aos antigos alumnos que xa non están. Para conmemorar a ocasión os alumnos regalaron aos seus mestres dúas copias enmarcadas da antiga foto, en branco e negro, dos alumnos da escola no seu último ano e uns pequenos xoieiros cos que significaron o precioso recordo que os seus alumnos gardan deles.
O alcalde de Pazos de Borbén, un dos antigos alumnos, sumouse ao recoñecemento público cara aos mestres entregándolles dúas medallas como agradecemento do Concello polo seu labor, a súa calidade docente e humana. “Eles son os responsables de que toda unha xeración de nenos crecese cuns valores humanos e persoais que aínda están presentes na nosa comunidade”, afirmou o rexedor.
Os alumnos expresaron a súa nostalxia do pasado e recoñeceron a valía da formación recibida por estes profesores. Pola súa banda, dona Merceditas e Don Manuel, agradeceron as mostras de agarimo destes alumnos e tamén expresaron os seus sentimentos de responsabilidade naqueles anos para o futuro destes alumnos.
Ademais, na cita intercambiáronse fotografías que trouxeron á mente dos participantes numerosos recordos e anécdotas dos seus tempos como escolares. Ao redor das dúas da tarde, o grupo de exalumnos trasladouse ao restaurante onde se celebrou a comida de confraternización que se prolongou durante horas entre risas, cancións e innumerables abrazos cheos de agarimo.
Os bos intres vividos motivan que xa moitos dos asistentes pensen na próxima celebración e mesmo hai quen propón celebrar máis dun encontro por ano.Final feliz con recordos entrañables e o recoñecemento xusto e merecido dos alumnos cara aos seus profesores.











