O turismo activo estará presente en Turexpo a través de actividades para o público xeral

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSilleda
A-
A+

O V Salón Turístico de Galicia, Turexpo Galicia 2015, o cal se celebrará do 20 ao 22 de marzo no recinto Feira Internacional de Galicia, contará coa presenza de numerosas propostas de turismo activo, as cales se darán a coñecer a través de diversas actividades dirixidas ao público xeral.

Estes visitantes, aos cales se dirixirá o certame a partir do sábado pola tarde (o primeiro día e medio estará orientado a profesionais do sector turístico), poderán participar nun rocódromo instalado para practicar a escalada e tamén nunha tirolina, pola que se poderán deslizar mediante unha polea que atravesará todo o pavillón no que se ubica a feira.

Así mesmo, os asistentes terán a posibilidade de practicar tiro con arco e dianas de paintball e tamén atreverse coa ponte colgante que se instalará neste salón ou co “zorbing”, consistente en introducirse nunha esfera xigante de plástico transparente para rodar nela.

Deste xeito os participantes achegaranse a este tipo de turismo, coñecendo as propostas das empresas de turismo activo presentes nesta edición de Turexpo Galicia, as cales ofrecen un amplo catálogo de actividades.

Un completo programa para público xeral

Ademais destas propostas de turismo activo, o público xeral que acuda ao certame contará cun completo programa que se está a pechar e que acollerá numerosas exhibicións, exposicións, sorteos, actuacións musicais e degustacións, entre outras actividades, a maioría das cales se celebrarán na Praza do Obradoiro do impresionante Camiño de Santiago de 5.500 m² que se recreará nesta salón.

13 de marzo de 2015 | 14:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.