O salón Turexpo Galicia 2015 pecha as súas portas tras recibir a 5.845 visitantes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSilleda
A-
A+

turexpo-galicia-2015O salón turístico Turexpo Galicia 2015 pechou hoxe as súas portas no recinto Feira Internacional de Galicia tras tres días de feira nos que acudiron ao certame 5.845 visitantes, entre os que se rexistraron tanto profesionais durante o primeiro día e medio como público xeral.

Esta quinta edición de Turexpo Galicia contou dende o venres pasado ata hoxe coa presenza de 213 firmas expositoras, das cales 97 foron expositores directos e 116 indirectos, a participación de 50 touroperadores de 17 países e un completo programa de actividades.

O certame, que contou co apoio da Axencia Turismo de Galicia, orientouse principalmente a profesionais durante o primeiro día e medio e a público xeral a partir da tarde do sábado, sendo inaugurado o pasado venres pola directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, quen destacou que Turexpo Galicia é unha iniciativa máis que se une á aposta da Xunta de Galicia “pola promoción e a colaboración público-privada para mostrar a fortaleza do sector turístico galego e a oferta diferencial que ofrece Galicia como destino”.

Na súa área expositiva o Camiño de Santiago foi un dos seus principais protagonistas. Así, acolleu unha gran recreación de 5.500m² do Camiño Francés e a Vía da Prata, realizada a través da presenza de moitos dos concellos situados nestas dúas rutas e tamén de reproducións de distintos atractivos localizados nas mesmas.

En canto ao seu programa de actividades, na súa vertente profesional un dos piares da feira foi a súa Bolsa de Contratación Turística, a cal conta co apoio do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape). Unha efectiva ferramenta en cuxo marco se celebraron 2.182 reunións de negocio entre representantes de 115 expositores directos e indirectos presentes na feira e os 50 touroperadores de 17 países que participaron nesta edición, procedentes de Alemaña, Arxentina, Brasil, Bulgaria, Canadá, China, Dinamarca, España, EE.UU, Holanda, Hungría, India, Xapón, México, Polonia, Portugal e Rusia.

As cifras de touroperadores participantes e as reunións realizadas converten á Bolsa de Contratación de Turexpo Galicia nunha importante plataforma de negocio para o sector, na cal tamén se levaron a cabo viaxes de pre-tour que permitiron o mércores e xoves a 35 dos touroperadores visitar Santiago de Compostela e, en tres grupos distintos, Ourense e a Ribeira Sacra, as Rías Baixas, e as cidades de A Coruña e Ferrol xunto coas Fragas do Eume.

Tanto as empresas e entidades expositoras como os touroperadores amosaron a súa satisfacción con estes encontros, apuntando moitos dos operadores a posibilidade de incorporar aos seus tours distintas propostas que coñeceron no salón.

Un completo programa para público xeral

O público xeral puido desfrutar dun programa conformado por máis de 40 actividades distintas e centrado na fin de semana.

As exhibicións tiveron gran protagonismo. Así o programa incluíu distintas representacións de festas de interese turístico no marco de Festur, Feira de Festas de Interese Turístico, como as dos entroidos de Cobres, Viana do Bolo e Alto dos Xenerais, o Arde Lucus ou os Maios de Ourense. A elas uníronse exhibicións doutras celebracións como a do entroido de Vilariño de Conso, a Noite Meiga de Sarria ou a Festa do Esquecemento de Xinzo de Limia.

As exposicións tamén estiveron presentes, como as dos atractivos turísticos dos 16 concellos que conforman a “Área Santiago” e a do Entroido dos Xenerais, ambas fotográficas, ou a centrada no mundo pre-romano na antiga Gallaecia. E tamén as degustacións, como a da festa de interese turístico do concello de O Pino denominada “do Galo Piñeiro”, as realizadas por Vila de Cruces, Touro, A Estrada e Melide ou as que levaron a cabo distintas entidades turísticas e tamén municipios de Porto e Norte

Os visitantes puideron ademais desfrutar de propostas de turismo activo, como tiro con arco, rocódromo, ponte colgante, diana de paintball e zorbing. Tamén o baile e a música formaron parte desta edición da feira, realizándose distintas actuacións de agrupacións folclóricas galegas como Os Arandos e O Son da Fervenza, e de agrupacións de gaitas, como a de Barbude ou Sin Son.

Presentacións, proxeccións, talleres e xogos para nenos como o do Camiño de Santiago completaron un programa para público xeral ao que tamén se sumaron actividades realizadas polos propios expositores nos seus stands, como degustacións ou sorteos de estancias en aloxamentos.

Por outra banda, a feira contou durante todos os días cunha concentración de autocaravanas, organizada pola Asociación Galega de Autocaravanas (AGA).

Actividades ao peche da feira

Unha vez clausurado Turexpo Galicia 2015, hoxe ás 19:00h, o recinto está a acoller un programa lúdico complementario ao que se pode acceder coa entrada á feira ou abonando 2€. Este inclúe a actuación do dj David Expósito, a retransmisión do partido de liga FC Barcelona – Real Madrid CF en pantalla xigante e, a partir das 23.00h horas, un concerto presentación da xira 2015 da orquestra Panorama, “The Game Tour”.

22 de marzo de 2015 | 22:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.