O proxecto Contos de Nais e Pais no CEIP de Silleda finaliza coa proxección dos traballos audiovisuais realizados polos alumnos

Coeducamos no CEIP de Silleda
Hoxe tivo lugar no CEIP de Silleda a proxeccción das curtametraxes realizadas polos alumnos e alumnas de Sexto dentro programa Contos de Nais e Pais, posto en marcha dende o Centro de Información á Muller (CIM) de Silleda dentro do espazo Coeducamos, con motivo do Día Internacional da Muller.
Os alumnos do centro foron visualizando por grupos o traballo audivisual que realizaron os compañeiros, nunha xornada coa que se puxo fin a este interesante programa de Coeducación iniciado no centro hai varias semanas.
Enmarcado no programa Coeducamos e subvencionado pola Secretaría Xeral de Igualdade e o Fondo Social Europeo, Contos de Nais e Pais busca xerar conciencias de cambio integrando os papeis das mulleres e dos homes para lograr obxectivos como sensibilizar á poboación sobre os erros que se transmiten tradicionalmente sobre os roles do home e da muller; convidar á reflexión ante a sobrecarga de tarefas domésticas e familiares da muller ou desmontar o estereotipo tradicional masculino no ámbito doméstico.
No programa tamén participaron alumnos de 4º coa realización de varios talleres nos que tamén se implicou aos pais e nais.
A proxección das dúas curtas sobre os roles masculino e feminino, que realizaron cadansúa aula de Sexto (participando en todo o proceso) puxo o punto e final ás sesións.











