O Porriño celebra o fin dos traballos de restauración do palco do Cristo cun concerto

Palco restaurado
A que é unha das construcións máis emblemáticas do centro urbano porriñés, o histórico Palco de música do Parque do Cristo, volve lucir en todo o seu esplendor unha vez finalizadas as obras de restauración ás que foi sometido para borrar os danos que o paso dos anos, a climatoloxía e a erosión natural dos seus materiais ocasionaran na súa estrutura. Con tal motivo, o vindeiro domingo 29 de marzo, a Banda Municipal de Música do Porriño ofrecerá un concerto ao pé do remocicado palco a partir das 13:00 horas.
Este fornelo, situado baixo a arboleda do Parque do Cristo desde principios do século XX, cando foi doado ao pobo do Porriño por un dos seus grandes mecenas D. Servando Ramilo Neves, presentaba unha evidente deterioración, polo que, o Concello do Porriño, contando co informe favorable da Comisión Territorial de Patrimonio Histórico de Pontevedra e en base ás pautas marcadas por un estudo técnico previo, procedeu á súa restauración.
“O Palco de música do Parque do Cristo é unha das obras máis representativas da nosa vila desde o punto de vista arquitectónico, urbanístico e histórico”, explica o alcalde do Porriño, Nelson Santos, “ademais de formar parte do noso patrimonio material e cultural, foi escenario da historia persoal de moitos veciños do Porriño. Desde o Concello asumimos a gran responsabilidade de manter os nosos bens patrimoniais en perfecto estado de conservación para que tamén poidan formar parte do recordo das futuras xeracións de porriñeses”, e concluíu, “este goberno seguirá traballando, como ata agora o fixo, na defensa e posta en valor do rico patrimonio arquitectónico que atesoura o noso municipio”.
Un conxunto de actuacións que requiriron un investimento de máis de 46.000 euros
A día de hoxe, o Palco de Música do Parque do Cristo presenta unha renovada imaxe que pon en relevo a beleza e o valor artístico esta construción. As actuacións de restauración centráronse sobre todo na parte máis danada, a estrutura da cuberta, que se atopaba fóra de servizo, totalmente atacada pola corrosión, polo que se retirou completamente para a súa posterior reconstrución, tamén en aceiro, seguindo o mesmo esquema de sustentación orixinal. Así mesmo, procedeuse á retirada e posterior reconstrución das chapas de cuberta, que se atopaban visiblemente danadas, e á colocación dun novo falso teito de madeira, reproducindo a súa configuración orixinal. Tanto a base do palco, construída en granito, como os alicerces, atopábanse nun estado aceptable, no entanto, limpáronse a fin de mellorar o seu estado.
No que respecta a ornamentación, a causa da deterioración da cuberta, as pezas da coroa ornamental de remate atopábanse fóra da súa posición, desaparecendo mesmo algunha delas, polo que, procedeuse á retirada, limpeza e recolocación de cada unha do dezaseis pezas que a conforman e do remate en forma de lira que coroa o palco, así como a colocar unha copia en fundición dos elementos perdidos.











