O novo mercado de Riveira permitirá potenciar o atractivo turístico da vila e dinamizar a economía local
O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, sinalou hoxe que o novo mercado de Riveira, no que a Xunta investiu 900.000 euros, será un elemento de dinamización económica, ao tempo que prestará un importante servizo á cidadanía e se converterá nun atractivo desde o punto de vista turístico.
Conde visitou, acompañado polo alcalde, Manuel Ruiz, e a delegada territorial da Xunta, Belén do Campo, as novas instalacións, que van ser “un símbolo de modernidade, innovación e calidade” para Riveira, tal e como apuntou o conselleiro, que se referiu á nova praza como “un elemento vertebrador” da actividade económica da vila.
O conselleiro agradeceu a iniciativa do Concello de Riveira na construción do novo mercado, e apuntou a aposta da Consellería de Economía e Industria para impulsar este tipo de proxectos en colaboración cos municipios. Neste sentido, lembrou que se está a traballar na posta en marcha dunha Rede de Mercados Excelentes, na que se identificarán aqueles que cumpren con requisitos “como a accesibilidade, servizo e infraestrutura”, á que podería unirse no futuro a praza de Riveira como “un candidato claro”.
Os mercados teñen un valor estratéxico para o comercio de proximidade, polo que a Xunta ten facilitado nos últimos anos actuacións en máis de 80 mercados, con apoios que superan os 17 millóns de euros.
O apoio ás prazas de abastos é un dos eixos específicos da estratexia de apoio ao sector comercial da Consellería de Economía e Industria, que no que levamos de ano leva activados programas de apoio por 7,6 millóns de euros, centrados ademais de no impulso aos concellos na mellora dos mercados, no respaldo ao asociacionismo comercial, a innovación e a modernización.