publicidade hoxe

O grupo municipal de Riveira conmemorará o Día do Teatro coa representación de “A Malquerida”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRiveira
A-
A+

Con motivo da celebración cada 27 de marzo do Día Internacional do Teatro, o Concello de Riveira vai homenaxear esta efeméride coa representación a cargo do Grupo Municipal de Teatro de Riveira dunha coñecida obra dramática: “A Malquerida”, escrita por Jacinto Benavente no ano 1913.

Segundo Chiki Durán, director do grupo municipal de teatro, e a concelleira de Cultura Elvira Pisos ofreceron hoxe os detalles deste evento, que se desenvolverá ás 21.30 horas no Auditorio Municipal.

Serán 17 as persoas que se subirán as táboas desta instalación cultural, se ben moitas máis as que estiveron ao carón deste grupo de teatro para poder facer posible este reto.

Esta é a primeira estrea que o grupo municipal de adultos é quen de poñer en escea dende que se representara “A Casa de Bernarda Alba,” pero Durán quixo aclarar que dende entón houbo dúas tentativas de interpretar outras pezas “que quedaron no camiño porque, nunha agrupación na que hai tanta xente implicada, totalmente afeccionada, e onde conciliar os horarios non é tarefa doada, non sempre se conseguen os obxectivos que se pretenden acadar”.

Chiki Durán quixo agradecer ao Concello de Riveira, á familia dos actores e actrices e a colaboradores como a asociación recreativa e cultural Rúa do Sal o seu apoio cara esta iniciativa.

Estreada en Madrid o 12 de decembro do 1913, a obra de “A Malquerida” converteuse dende entón nunha das grandes obras do teatro español contemporáneo. Foi escrita na localidade toledana de “Aldea en Cabo”, aos pés da Serra de Gredos, onde o autor madrileño pasaba algunhas tempadas nunha casiña coñecida como “Vila Rosario”.

No texto deste drama rural, baseado nun feito real, non se especifica en ningunha pasaxe que o fío argumental se levase a cabo na localidade toledana, xa que nas anotacións previas da obra, tan só se facía referencia a “un pobo de Castela”, pero está aceptado que o devir dos aldeáns e pobos limítrofes, inspiraron o seu contido, sendo numerosas as referencias topográficas á provincia.

Benavente arrástranos a un tráxico triángulo conformado entre unha viúva (Raimunda), o seu segundo marido (Esteban), e a súa propia filla (Acacia), salpicado con celos, paixóns contidas, defensa do honor e a honra, rumores e o asasinato do pretendente da moza, que ante tal cúmulo de desgrazas comeza a ser chamada “A Malquerida”.

18 de marzo de 2015 | 19:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.