O filme galego A Esmorga proxéctase en Silleda e na Bandeira
A programación cultural de Silleda neste mes de marzo incluirá a proxección da película A Esmorga, dirixida por Ignacio Vilar e baseada na coñecida obra de Eduardo Blanco Amor.
Dende a Concellería de Cultura programáronse dúas sesións. A primeira delas será en Silleda, na Casa da Cultura, o vindeiro venres día 13, ás 21.00 horas. O xoves día 19 a cita con este exitoso filme galego será no Centro Cultural Vista Alegre da Bandeira, tamén ás 21.00 horas.
As entradas custan 5 euros e poderán mercarse o propio día das proxeccións en taquilla, que se abrirá unha hora antes. Os/as estudantes dos centros educativos de Silleda poderán mercar as entradas ao prezo de 4 euros, acreditando a súa condición de alumnos/as. A película está recomendada para maiores de 16 anos.
Protagonizada por Karra Elejalde, Miguel de Lira, Antonio Durán “Morris”, Sabela Arán, Alfonso Agra, Mela Casal e Melania a película realiza, ao longo de 111 minutos, unha crónica tensa e intensa de 24 horas na vida de tres homes, compañeiros de esmorga, que deixando un regueiro de destrución, de sexo equívoco e reprimido, van fechando portas tras si e guindando coas chaves, coma para non querer volver, tal coma se adrede camiñaran a súa perdición.
Dende a Concellería de Cultura anímase aos veciños e veciñas a achegarse a esta producción que está a marcar un fito na industria cinematográfica galega.











