O alcalde de Silleda lembra que a Consellería de Sanidade xa tiña que ter asumido os centros de saúde dende xaneiro deste ano
O alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, ante as informacións aparecidas en días pasados nas que o sindicato Comisións Obreiras demanda a posta en funcionamento do elevador no centro de saúde de Silleda, lembra que “é a Xunta, a Consellería de Sanidade quen deben de asumir a xestión e mantemento do centro”.
Cuiña sinala que a Administración Autonómica está a “incumplir manifestamente o acordado no tocante ao traspaso de centros de saúde en aplicación da chamada Reforma Local”.
Así, recorda que Silleda é un dos 29 municipios galegos que xa remataron hai tempo co largo proceso administrativo que esixiu á Xunta para o traspaso, “que tiña que estar feito xa o 1 de xaneiro deste ano”.
Así, o alcalde recomenda ao sindicato dirixirse “aos responsables da Consellería que non só terán que encargarse do funcionamento do ascensor, senon de todo o Centro de Saude de Silleda e da Bandeira, tal e como se acordou no seu día”, engade
Cuiña advirte que dende o Concello de Silleda “faremos todo o posible porque o traspaso dos dous centros se faga efectivo no menor prazo de tempo posible, e sumarémonos ás accións que xa estamos estudando iniciar dende a Fegamp, xunto a outros Concellos”.
O rexedor silledense advirte que a Xunta “foi asumindo a contagotas algún centros dende o ano 2009”, y lembra que “aínda que non é competencia dos Concellos estamos a asumir gastos como electriciade, auga, luz, calefacción, limpeza…”.











