Máis de dúas mil persoas visitaron xa a exposición sobre o afundimento do Santa Isabel
A exposición “O Santa Isabel: Emigración, Traxedia, Heroísmo” xa superou a cifra dos dous mil visitantes tras pouco máis de catro meses dende que esta mostra abriu as portas no Auditorio Municipal de Riveira.
Ademais dos interesados que acoden pola súa conta individualmente ou en grupo para contemplar a exposición, ultimamente está recibindo tamén a visita de numerosos grupos de alumnos de centros educativos do municipio.
De feito, hoxe mesmo achegáronse nenos de 3º e 4º de Primaria do Colexio Bayón, os cales xunto as súas profesoras foron atendidos pola comisaria Pilar Casas Gil, quen lles dou conta de todo o que hai que saber sobre esta mostra e o suceso que a motivou no ano 1921.
A esta visita hai que engadir, tan só na presente semana, as realizadas onte por alumnos de 3º de ESO do colexio Galaxia e antonte por rapaces de 4º de Primaria do colexio A Milagrosa de Oleiros.
Son máis de cen pezas, moitas delas inéditas, as que se poden ver na exposición. Algunhas tan significativas como o semicasco do vapor, cartas e planos orixinais, ferramentas que se utilizaron para a súa construción, cubertería e mobiliario orixinal, un cadro do postimpresionista José Seijo Rubio realizou en 1921, o ano do naufraxio; útiles e distintivos do segundo oficial Luis Cebreiro, unhas sesenta novas aparecidas en prensa, maquetas, creacións audivisuais e outros obxectos que fan da mostra sobre o Santa Isabel un lugar ineludible para todos os veciños e interesados no mundo do mar.











