Máis de 40 actividades distintas conformarán o programa para público xeral de Turexpo Galicia 2015

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSilleda
A-
A+

O salón de turismo Turexpo Galicia 2015, o cal se celebrará do 20 ao 22 de marzo no recinto Feira Internacional de Galicia co apoio da Axencia Turismo de Galicia, contará cun completo programa de máis de 40 actividades distintas dirixidas ao público xeral, o cal se concentrará na tarde do sábado e o domingo, cando estará orientado a este perfil de visitante e se espera unha gran afluencia.

As exhibicións contarán con gran protagonismo nesta programación. Así, os visitantes poderán ver numerosas demostracións e representacións de Festas de Interese Turístico, como as dos entroidos de Viana do Bolo e Alto dos Xenerais, a Romaría Vikinga de Catoira, o Arde Lucus de Lugo ou os Maios de Ourense. A elas uniranse exhibicións doutras celebracións como a dos boteiros do entroido de Vilariño de Conso, a Noite Meiga de Sarria ou a Festa do Esquecemento de Xinzo de Limia, entre outras.

As exposicións tamén estarán presentes, como as alusivas aos atractivos turísticos dos 16 concellos que conforman a “Área Santiago” e ao Entroido dos Xenerais, ambas fotográficas, ou a centrada no mundo pre-romano na antiga Gallaecia. E tamén as degustacións, como a da festa de interese turístico do concello de O Pino denominada “do Galo Piñeiro”, as realizadas polos Concellos de Vila de Cruces e Touro ou as que levarán a cabo distintas entidades turísticas e tamén municipios de Porto e Norte, como Vila Pouca de Aguiar, Vila Nova de Gaia, Viana do Castelo, Porto, Valongo, Maia e Mirandela

O turismo activo terá un gran peso nesta programación. Así, os visitantes disporán durante todos os días dunha tirolina que atravesará o pavillón, de tiro con arco, rocódromo, ponte colgante, diana de paintball e zorbing.

Peche con música

Tamén o baile e a música formarán parte desta edición da feira, así realizaranse distintas actuacións de grupos folclóricos galegos. A elas unirase a do dj David Expósito, cuxa quenda será entre ás 19.00 e as 21:00 do domingo día 22. Ese mesmo día a orquestra Panorama clausurará Turexpo Galicia a partir das 23:00 horas co concerto inaugural da súa xira 2015, “The Game Tour”, e antes proxectarase na mesma ubicación e nunha pantalla xigante o partido de liga FC Barcelona – Real Madrid CF.

Propostas nos stands

Presentacións, talleres e xogos para nenos como o do Camiño de Santiago completarán un programa ao que tamén se sumarán numerosas actividades realizadas polos propios expositores nos seus stands, como degustacións dos produtos máis emblemáticos de distintos concellos e entidades comarcais que buscan potenciar o seu turismo gastronómico ou sorteos de estancias en aloxamentos.

A maioría das actividades incluídas neste programa para público xeral de Turexpo Galicia 2015 celebraranse na Praza do Obradoiro da gran recreación do Camiño de Santiago que se fará no salón, a cal terá unhas dimensións de 5.500 m² e contará coa presenza da maioría dos concellos situados no Camiño Francés e a Vía da Prata e tamén con reproducións e proxeccións de distintos atractivos presentes ao longo desta dúas rutas.

16 de marzo de 2015 | 12:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.