Adxudicación provisional da mellora de cinco camiños nas parroquias de Artes, Oleiros, Olveira e Carreira
O Concello de Riveira informa de que na xunta de goberno local procedeuse á adxudicar provisionalmente unha nova actuación, consistente na mellora de cinco camiños rurais situados nas parroquias de Artes, Oleiros, Olveira e Carreira.
Concretamente, as vías nas que se prevé a mellora do firme están situadas nos lugares de Outeiro (un), Salmón (dous), Espiñeirido (un) e Laxes (un).
A empresa que obtivo unha mellor clasificación no procedemento de licitación foi Construcciones Ponciano Nieto, S.L., segundo unha oferta económica de 63.629,91 euros. A acción está subvencionada pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural dentro do Programa de mellora de camiños de titularidade municipal 2014-2015, cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no marco do PDR de Galicia 2007-2013.
537 veciños beneficiados
Coa execución deste proxecto beneficiaranse ata 537 veciños que habitan nos núcleos antes citados, de acordo cos datos que figuran no padrón municipal. O prazo de desenvolvemento das obras é de dous meses.
Falando das actuacións en si, o camiño situado en Outeiro (Artes) ten unha lonxitude de 175 metros e ten un acabado en zahorra. A intención é estender unha mestura bituminosa en quente para mellorar o tránsito.
En Salmón (Oleiros) localízanse dúas vías de 90 e 182 metros de longo. O primeiro ten un firme de terra natural con maleza, mentres que o segundo posúe un tramo central de triple pavimento asfáltico en mal estado e pavimento de terra natural con vexetación nas marxes. En ambos casos preténdese estender unha base de macadam e un triple tratamento asfáltico, ademais de desbrozalos e limpalos.
Polo que se refire ao camiño de Espiñeirido (Olveira), ten 120 metros de longo e presenta un firme de terra natural no que é moi difícil circular en épocas invernais. Aquí diferéncianse dúas actuacións: por unba banda a instalación dunha rede de pluviais (tubaxe de PVC corrugado) e por outra a súa pavimentación con formigón HM-20 combinado con adoquín de formigón.
Por último, o camiño de Laxes (Carreira) ten unha lonxitude de 400 metros e posúe un firme no tramo central de aglomerado asfáltico en bo estado (polo que non sería obxecto do proxecto) e un pavimento de terra natural con vexetación nas marxes. Ao igual que no suposto anterior, plantéxanse dúas accións: a instalación dunha rede de pluviais (tubaxe de PVC corrugado) e pavimentación das marxes a base de zahorra artificial e mestura bituminosa en quente.