A Xunta reforzará a seguridade viaria no núcleo de San Martiño coa instalación de novas beirarrúas na estrada AC-550
O director da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), Francisco Menéndez, supervisou hoxe, xunto coa delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, o inicio as obras de continuidade das beirarrúas da estrada Cee-Riveira (AC-550), concretamente, no núcleo de San Martiño, entre o punto quilométrico 101+950 e o PK 102+050.
Esta actuación, que conta cun orzamento de máis de 38.300 euros, comezou este mesmo luns e estará rematada a finais deste mes de marzo.
As beirarrúas son continuidade doutras xa existentes, que remataban no lugar de San Martiño, o que supón unha mellora na seguridade vial para os peóns nesta zona e un mellor servizo a máis vivendas.
Nesta actuación levarase a cabo a limpeza e saneamento desta área que, na actualidade, ten sección de cuneta de pluviais en terras; reencherase toda a sección con pedra drenante e despois con material seleccionado para asentar a canle de pluviais; e, ademais, a sección do firme realizarase con zahorra artificial e baldosa hidráulica sobre mortero.
Así mesmo, a sección nos accesos a parcelas existentes disporán dun reforzo con formigón para a canle e malla metálica na sección do firme e entre a estrada e a beirarrúa realizarase unha rígola de formigón “in situ” con pendente ata a beirarrúa, que disporá de sumidoiros cada 20 metros para recollida de augas pluviais.











