A Xunta mobilizou máis de 57 millóns de euros no saneamento da ría de Arousa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaRiveira
A-
A+

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda destacou que o Goberno galego leva mobilizado dende 2009 máis de 57 millóns de euros no saneamento da ría de Arousa.

Alfonso Rueda indicou que este esforzo investidor enmárcase na aposta que a Xunta está a facer para mellorar a calidade das augas das rías. O vicepresidente presidiu hoxe o acto da posta en servizo da nova EDAR de Corrubedo, no concello coruñés de Riveira, que conta cun investimento de case 6 millóns de euros.

Alfonso Rueda destacou que a entrada en funcionamento desta depuradora en Punta Paxariñas, supón poñer en servizo unha infraestrutura decisiva para garantir que este paraxe, continúe a ser un referente do territorio galego ca combinación equilibrada da conservación do territorio, por unha banda e por outra da calidade de vida dos veciños desta parroquia ribeirense, xa que a calidade de vida está intimamente ligada co estado do contorno.

O investimento de case 6 millóns de euros por parte da Xunta nunha EDAR con capacidade para atender 6.000 habitantes, permitirá solucionar as deficiencias da rede de saneamento e mellorar as condicións de vida e traballo neste espazo privilexiado da costa galega.

O compromiso do Goberno galego desde o 2009 inclúe á cabeza das súas prioridades o saneamento dos recursos hídricos da nosa comunidade, o que se reflicte no compromiso de 1.000 millóns destinados a saneamento e depuración na nosa comunidade, e os case 770 millóns de euros que, en conxunto con outras administracións, estanse a investir para a posta en funcionamento de 35 novas depuradoras entre 2009 e 2016.

Saneamento ría de Arousa

No caso concreto de Arousa, o Executivo autonómico conta co Plan de Saneamento Local de ambas marxes da ría de Arousa, unha folla de ruta que permite traballar concello a concello, pero desde unha perspectiva global, para coñecer o funcionamento dos saneamentos existentes, comprender o seu impacto nas augas da ría e propoñer solucións para a mellora da xestión e para a dotación de infraestruturas.

A Xunta está a traballar no saneamento da ría de Arousa seguindo este plan, tendo en conta a importancia que a calidade das augas ten para miles de persoas que viven da produción pesqueira e marisqueira e do turismo nesta zona, e un un dos principais enclaves turísticos da costa galega. E nese gran proxecto, desenvolvido a través dos Plans de Saneamento Local, ocupa un lugar destacado a nova Estación Depuradora que actualmente se está a executar en Riveira, cun investimento por parte da Xunta de 9 millóns de euros que estará rematada no primeiro trimestre do ano que vén, e que dará servizo a máis de 32.000 veciños.

30 de marzo de 2015 | 18:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.