A Xunta investirá 154.000 euros na mellora dos centros de ensino da Mariña
A delegada territorial, Raquel Arias, visitou hoxe o CEIP de San Cibrao, en Cervo, xunto co alcalde, Alfonso Vilares, para comprobar in situ as obras desenvolvidas nas dependencias con cargo á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Unhas actuacións, xa rematadas, consistentes no cambio de persianas e dotación de novo mobiliario escolar, que supuxeron un desembolso de 12.000 euros.
Un ataque de carcoma, detectado a finais do pasado ano, obrigou a substituír boa parte dos mobles e as persianas, cuxas tapas estaban especialmente afectadas e, en consecuencia, moi deterioradas.
A Xunta tamén ten previsto arranxar o lucernario no outro CEIP existente en Cervo, para eliminar as filtracións de auga existentes, e, segundo lembrou Arias, o IES Marqués de Sargadelos vén de recibir dotación deportiva.
En total, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria investirá este ano en proxectos de conservación ou mantemento nos centros de ensino público da comarca da Mariña 153.900 euros.
Neste senso, a delegada territorial salientou o importante desembolso que a Xunta está a realizar en mellorar, reparar ou ampliar as instalacións dos centros educativos na provincia de Lugo, o que, ó seu entender, “é un exemplo claro da aposta que se fai en Galicia polo ensino público”. “Un ensino de calidade, ademais dunha boa docencia, require instalacións axeitadas e neste contexto hai que enmarcar todas estas obras de rehabilitación, ampliación e mellora”, subliñou
Así, puxo como exemplo que no CEIP Juan Rey de Lourenzá xa se acometeron varias melloras por importe de 22.481,15 euros e que, en breve, rematará o cambio de fiestras no IES Vilar Ponte de Viveiro, ó que adican preto de 15.000 euros. Tamén salientou que está previsto reparar as cubertas do CEIP de Covas e do EEI San Roque en Viveiro cuxo coste superará os 50.000 euros.