A Xunta comezará en verán as obras para completar o paseo da Seara, en Moaña
As obras que permitirán completar o paseo marítimo de Moaña, dende O Con ata a Illa de Samertolameu, no Concello de Moaña, iniciaranse antes deste verán. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través da Axencia Galega de Infraestruturas vén de adxudicar esta actuación por un importe de 355.000 euros.
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Portos de Galicia, dependente da Consellería de Medio Rural e do Mar, e o Concello e Moaña asinaron un convenio de colaboración para rematar o treito de Seara, polo que o paseo peonil terá unha lonxitude de tres quilómetros. A empresa adxudicataria foi Construcións Obras e Vías (Covsa), cuxo prazo para a materialización dos traballos é de 11 meses, polo que as obras estarán rematadas antes do verán de 2016.
A importancia desta actuación reside en que é unha infraestrutura moi esperada, que permite retirar os tráficos tanto peonís como ciclistas da estrada PO-551, que se atopa saturada. Será un exemplo de convivencia en harmonía entre vehículos e peóns e unha boa mostra de como este tipo de infraestruturas se deben integrar na paisaxe, xa que este paseo marítimo, que contará cunha pasarela de madeira de preto de 30 metros sobre a lámina de auga.
O treito no que se vai a actuar en Moaña é de 310 metros e discorre entre o aparcamento próximo á Casa do Mar, ao que bordeará, e o actual paseo marítimo, co que entroncará á altura do edificio de Salitre antes do cruzamento co río da Fraga. O actual paseo marítimo, de máis de tres quilómetros, entre O Con e a illa de Samertolameu, atópase interrompido nun pequeno tramo na zona da Seara, no que as edificacións e peches existentes dificultan o acceso ao bordo litoral, que presenta un importante estado de abandono. A zona de actuación é un área moi urbanizada e con gran afluencia de visitantes, na que conviven a actividade pesqueira e os usos lúdicos.
A solución que se vai adoptar atópase condicionada polo carácter urbano do treito, así coma polas edificacións existentes, como muros, ramplas e escaleiras de acceso ao litoral para peóns e embarcacións. Así, a actuación basearase na construción dun paseo para uso peonil e ciclista, con zonas diferenciadas, conformada por lastra de granito na zona reservada á circulación peonil e acabamento en formigón no carril-bici.
Non obstante, nalgún subtreito resulta necesario proxectar unha estrutura de madeira que voará sobre a lámina de auga, para evitar afeccións as vivendas situadas a moi reducida distancia do bordo litoral. Ademais, será necesario modificar muros e ramplas para adaptalas á cota do novo paseo. A actuación complementarase coa adecuación do espazo público mediante sementado de céspede e plantación de árbores, dotación de mobiliario urbano e iluminación.