A Interrunning do Porriño amplía o prazo de inscrición

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesO Porriño
A-
A+

O prazo de inscrición para participar na novena edición da Interrunning 2015 – Concello do Porriño, que inicialmente se pechaba hoxe martes, amplíase en 24 horas continuando aberta ata as 23:59 horas de mañá mércores 11 de marzo.

Deste modo, todos aqueles interesados en participar nesta proba poden formalizar aínda a súa inscrición a través da páxina www.championchipnorte.com ou de xeito presencial nas tendas de Interesport Piñeiro no Porriño, Vigo ou Pontevedra.

O custo de inscrición na carreira absoluta, proba de 10 km de percorrido pertencente ao calendario da Federación Galega de Atletismo, é de 8 euros, máis 2 euros de aluguer do chip en caso de non ser propietario de chip amarelo. Coa intención de seguir utilizando a Interrunning como plataforma de iniciativas solidarias, un ano máis a organización apoiará ao programa municipal de alimentos SOS Porriño incluíndo como requisito para a recollida do número en todas as categorías, a entrega dun quilo de alimentos non perecedoiros.

Un circuíto homologado cun trazado óptimo

Na novena edición da que xa é unha proba de referencia no sur de Galicia, os corredores poderán bater a súa marca persoal ao contar o circuíto coa homologación da Real Federación Española de Atletismo.

A saída e a meta instalaranse no mesmo punto, na rúa Domingo Bueno fronte ao Centro Cultural Municipal. Realizaranse once clasificacións atendendo a cada unha delas ás categorías que abranguen todas as franxas de idade, dos máis pequenos aos máis veteranos, sobre a base das cales se establecerán diferentes circuítos. O primeiro deles, de 100 metros é para a categoría Pitufos, os máis pequenos, disputándose a súa carreira en último lugar, ás 12:55 horas. Os benxamíns serán os primeiros en saír, ás 10:30 horas, realizando un circuíto de 800 metros, seguidos polas crías ás 11:45 horas, que deberán completar os 1.500 metros. Continuarán os grupos infantil e cadete ás 11:00 horas cun percorrido de 3 km. Finalmente, ás 11:40 horas dará comezo a carreira absoluta. Nela, as categorías xuvenil, júnior, promesa, sénior, veteranos e superveteranos deberán completar dúas voltas ao circuíto de 5 km, nunha proba cuxo tempo máximo estimado é de 1 hora e 20 minutos.

O percorrido estará debidamente sinalizado e a entrega de premios está prevista para a 13:00 horas na rúa Domingo Bueno.
Máis información en www.interrunning.com

10 de marzo de 2015 | 11:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.