A exposición “Arte con cervexa” pecha as súas portas colaborando cunha boa causa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Porriño
A-
A+
Clausura da exposición

Clausura da exposición

Tras tres semanas aberta ao público, a exposición “Arte con cervexa”, da artista local Virginia Vilar, tocou onte ao seu fin. Esta mostra, organizada polo Concello de Porriño a través do CIM (Centro de Información á Muller) con motivo do Día Internacional da Muller, tiña tamén unha vertente solidaria, e é que a artista quixo sumarse a unha boa causa doando un dos cadros expostos para pór o seu grao de area na loita contra o cancro de mama.

Deste xeito, durante o período de exposición podíanse adquirir os vales para participar no sorteo desta obra, destinando o recadado integramente á AECC.

O Centro Cultural Municipal foi escenario onte do sorteo da obra, non sen sorpresas xa que o azar quixo que o afortunado fose o mesmo alcalde do Concello do Porriño, Nelson Santos, quen resultase gañador. O rexedor sorprendido, recolleu o seu premio de mans da artista a quen agradeceu “enormemente o carácter solidario que impregnou a exposición da túa obra” para, a continuación, facer entrega do seu premio a María José Giraldez, presidenta da AECC do Porriño, de modo que esta magnífica obra seguirá contribuíndo na loita contra esta enfermidade.

“No meu nome e no da AECC do Porriño, quero agradecer a Virginia a súa colaboración e ao alcalde, Nelson Santos, o bonito xesto que tivo doando novamente este cadro, que será sorteado no próximo mercadiño solidario que celebre a asociación”, sinalou Giraldez.

Durante o acto de clausura, a artista e a concelleira de Igualdade, Teresa Veloso, fixeron entrega tamén do recadado no sorteo á presidenta da asociación.

“O novo horizonte” súmase á Colección de arte do Concello do Porriño

A colección de arte do Concello de Porriño conta xa cunha obra de Virginia Villar no seu haber, en concreto “O novo horizonte”, cadro que foi elixido tamén para ilustrar o cartel da exposición no noso municipio. Ao longo dos últimos anos, o Concello foi adquirindo diversas obras de arte que, a día de hoxe forman parte do patrimonio cultural municipal “Desde o Concello queremos exaltar as obras dos artistas locais que expuxeron en Porriño, recoñecendo o seu esforzo e talento á vez que se enriquece o patrimonio cultural do noso municipio, que conta xa cunha colección de manifesta calidade artística”, explicou o rexedor.

Virginia Vilar, INIA ART, elabora as súas pinturas usando unha particular técnica, a base de diferentes tipos de cervexa e pigmentos naturais cos que experimenta até atopar o perfecto matiz de cor. Os seus xogos de sombra e luz, o realismo das súas figuras, tinguidas todas elas dun característico ton ocre, e os precisos trazos que definen os seus deseños, conseguiron que Virginia Vilar, nun curto espazo de tempo, fíxose un oco no circuíto artístico galego.

A súa obra, de incuestionable calidade artística, foi exposta en diferentes salas galegas e do norte de Portugal no último ano, podendo contemplarse recentemente na Sala de Exposicións da Deputación de Pontevedra onde se gañou o eloxio da crítica.

24 de marzo de 2015 | 19:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.