A demanda turística do continente americano terá gran presenza na Bolsa de Contratación de Turexpo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSilleda
A-
A+

O V Salón Turístico de Galicia, Turexpo Galicia 2015, o cal se celebrará do 20 ao 22 de marzo no recinto Feira Internacional de Galicia, volverá a converterse nunha efectiva plataforma de negocio a través da súa recoñecida Bolsa de Contratación Turística, a cal permitirá aos expositores presentar a súa oferta a un importante número de touroperadores con gran interese como emisores de turismo.

Entre estes operadores turísticos nacionais e internacionais, cuxo número se está a pechar estes días, estarán presente 14 procedentes de EE.UU, Canadá, Arxentina, Brasil e México, o que permitirá que a Bolsa de Contratación conte durante o seu día e medio de duración cunha importante presenza da demanda turística do continente americano.

O grupo está composto por directores xerais, directores de marketing e de ventas e tamén propietarios e analistas de produto. Reuniranse coa oferta galega presente na feira co obxectivo de buscar principalmente propostas de turismo cultural, de ocio e gastronómico, de enoturismo e centradas no Camiño de Santiago, ademais de hoteis. O turismo de saúde e o de luxo tamén están entre as preferencias dalgúns deles.

Reunións axendadas

Estes turoperadores, ao igual que o resto de participantes nestes encontros de negocio de Turexpo Galicia 2015, terán unha axenda de reunións fixada con antelación en función tanto dos seus intereses como das estratexias comerciais dos expositores presentes no salón

Esta Bolsa de Contratación, a cal conta co apoio do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), celebrarase durante o primeiro día e medio do salón, cando estará dirixido aos profesionais do sector. A partir da tarde do sábado, cando se espera unha gran afluencia, orientarase ao público xeral e contará cun completo programa de actividades para este perfil de visitante.

15 de marzo de 2015 | 12:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.