A comunidade escolar do Porriño conmemora o Día Mundial da Auga co Louro como protagonista
O Centro Cultural Municipal acolleu esta mañá un acto conmemorativo con motivo do Día Mundial da auga, organizado polo Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente a través da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), que contou coa colaboración do Concello do Porriño. O MAGRAMA elixiu o noso municipio para celebrar este evento, que contou coa presenza e protagonismo de máis de 220 nenos e mozos das distintas comunidades escolares da nosa localidade, acompañados polo alcalde do Porriño, Nelson Santos, o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Antonio Coello, e o presidente da CHMS, Francisco Marín, entre outras autoridades.
O lema escollido este ano por Nacións Unidas para conmemorar este día foi ‘Auga e Desenvolvemento sustentable’, apostando pola boa gobernanza da auga, é dicir, a xestión dos recursos hídricos cunha visión de futuro, desde o respecto ao medio ambiente e ao desenvolvemento sustentable. Neste sentido, o rexedor subliñou a importancia de “sensibilizar aos máis pequenos sobre a necesidade de facer un uso racional deste recurso e inculcar neles a importancia de coidar a súa contorna natural. A estratexia máis eficaz para a defensa do medio ambiente é a aposta por unha educación que reverta na adquisición de valores fundamentados no respecto e o compromiso cos nosos recursos naturais.”
Pola súa banda, Antonio Coello destacou a importancia que ten a auga na nosa vida diaria e a necesidade de xerar nos máis pequenos o bo uso da mesma de cara ao futuro, lembrando ademais a obrigación das administracións competentes na materia de compatibilizar o uso da auga co desenvolvemento sustentable e o respecto ao medio ambiente.
O presidente da Confederación Hidrográfica, Francisco Marín, precisou que o obxectivo da CHMS é incidir na concienciación dos máis pequenos de que a auga é un recurso limitado e o seu uso con responsabilidade redunda en beneficio de todos. “O que pretendemos é a colaboración institucional para conseguir unha sociedade de futuro que fomente a importancia e necesidade de coidar as nosas canles fluviais”, concluíu.
Unhas xornadas conmemorativas baseadas na implicación dos máis novos
Os escolares dos colexios da nosa localidade, de entre 6 e 10 anos, participaron nun concurso baixo o título de “Un paseo polo meu río” onde puideron desenvolver a súa creatividade, plasmando a beleza do río Louro a través dun debuxo ou fotografía e acompañando cada creación cun texto explicativo libre.
Hai que destacar tamén a importancia das Xornadas da auga, desenvolvidas os días 11 e 12 de marzo, nas que os escolares asistiron ás charlas e actividades de recoñecemento e mostraxe do río Louro, no seu tramo urbano. Nestes talleres puideron recoller mostras de macroinvertebrados, flora e fauna, para identificación, ademais de realizar unha análise de auga sobre o terreo.
O Concello do Porriño, a través da concellaría de Educación, que dirixe Ana Martínez, quere agradecer a inestimable colaboración que mostraron os centros escolares do noso municipio.
Gañadores do concurso
Durante o acto procedeuse á entrega de premios aos mellores traballos e un premio adicional á creación “performance”, do CEIP Xosé Fernández López, polo seu traballo no que, nunha imaxe aérea, podíase ver aos nenos creando cos seus propios corpos a frase “Río Louro”.
Na categoría de 1º de Educación Primaria, Rodrigo García, do CEIP Plurilingüe de Atios, e María Salgueiro, do Colexio Irmáns Quiroga, fixéronse co primeiro e segundo premio, respectivamente. O primeiro premio de 2º de Primaria foi para o tamén alumno do CEIP Plurilingüe de Atios, André Méndez, compartindo Daniel e Alfredo Jiménez, dous irmáns alumnos do CPI Ribeira, o segundo posto. Xabier Rodríguez, do Colexio Irmáns Quiroga, e Paula Sestelo, do CEIP Antonio Palacios, conseguiron o primeiro e segundo premio de 3º de Primaria.











