publicidade hoxe

A Banda da Bandeira celebra a duodécima edición do seu curso de música

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSilleda
A-
A+

A música volve ser protagonista durante a vindeira semana na localidade da Bandeira, da man da Banda Recreativa e Cultural, que dende hai máis de unha década organiza un ciclo formativo durante a Semana Santa.

Así o vindeiro luns día 30 comezará o XII Curso de Música da Bandeira, que nesta edición contará con varias especialidades. As clases terán lugar no auditorio Manuel Dopazo, ata o xoves día 2 de abril, en horario de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00 horas.

Nesta edición ofértanse clases de trompeta, impartidas por Roberto Bodí, natural de Cullera (Valencia) ; de trompa, a cargo de Jordi Ortega, tamén de Valencia; de clarinete e clarinete baixo, que impartirá o músico lalinense Xocas Meijide; e de tuba, bombardino e trombón, a cargo de José M. Redondo, músico nado en Granada e tamén cun extenso currículum.

Dende a organización destácase a calidade do profesorado neste ciclo, con profesionais que teñen participado en proxectos mesmo a nivel internacional.

O prezo do curso e de 80 euros (20 euros no caso dos que asistan como oíntes). A día de hoxe aínda quedan prazas libres para participar neste ciclo, que como vén sendo habitual se completa con recitais e outras conferencias abertas ao público.

Así, os Concertos de Noite, traerán a Caxade o luns día 30 (21.00 horas) á Taberna do Músico. A agrupación xa deixou unha grata impresión na Bandeira, a través da colaboración da Banda Recreativa e Cultural no seu último traballo, estreado no Culturgal.

O martes día 31, o granadino José M. Redondo, un dos profesores do ciclo que ten colaborado con numerosas orquestras (entre elas a Boston Philarmonic, a Sinfónica de Bilbao, a Qatar Philarmonic Orquestra, ou a Orquesta del Palau de las Arts de Valencia), ofrecerá a conferencia titulada “De colores y sonidos”, na sala Jose Villaverde do auditorio.

O mércores día 1 a cita cos Concertos de Noite será no Bar Arume, onde a partir da media noite actuará Sokram, co seu disco Chuvia ácida, a nova aposta en solitario o membro e fundador da pioneira banda de rap galego 5 Talegos e tamén vocalista de Dios ke te Crew, entre outros.

A programación péchase o xoves día 2 de abril co concerto de peche do ciclo no auditorio ( ás 20.00 horas), a cargo dos alumnos participantes no curso, que tamén recibirán os correspondentes diplomas.

25 de marzo de 2015 | 16:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.